A chegada das plataformas cidadás ou formacións de unidade popular aos gobernos locais galegos traerán tamén con elas novas investiduras. Este sábado, os candidatos de Compostela Aberta, Marea Atlántica e Ferrol en Común serán investidos alcaldes. No salón de plenos, coma sempre, pero con fórmulas novidosas que pretenden implicar a cidadanía, á que chaman a acompañalos no comezo dunha etapa "de cambio" que tamén trae cambios na liturxia municipal. Romarías, actos abertos ao público e discursos compartidos con movementos sociais e a veciñanza. Así serán os actos que este sábado abren unha nova etapa política no país.
Santiago: memoria e festa
Compostela Aberta mesturará memoria e festa na súa estrea á fronte do goberno municipal compostelán. As reducidas dimensións do espazo destinado ao público no salón de plenos do Pazo de Raxoi impiden que a sesión, organizada polo goberno saínte, poida dar cabida á cidadanía que queira asistir. Non obstante, a veciñanza interesada poderá seguir o que aconteza na investidura a través da web municipal, que retransmitirá o pleno ao vivo, algo que non acontecía ata agora.
Martiño Noriega lembrará a Ánxel Casal e ás Marías e Compostela Aberta anima a achegarse á "festa cidadá" que celebrará en Belvís
Dende a plataforma compostelá indican que Martiño Noriega apostará por que na súa toma de posesión estea presente a lembranza de Ánxel Casal, alcalde galeguista e republicano da cidade que, antes de ser asasinado, estivo preso nos calabozos do propio Pazo de Raxoi. Outra homenaxe á memoria histórica da capital de Galicia será para Maruxa e Coralia, as popularmente coñecidas como As Marías, iconas da cidade e represaliadas polo franquismo ás que se lembrará nos tarxetóns conmemorativos do acto.
Unha vez rematado o acto protocolario Compostela Aberta irá de romaría ao parque de Belvís. "Acaba unha etapa e comeza outra coas vitaminas da ilusión", indica a formación, que convida a achegarse á "festa cidadá" na que, quen o desexe, poderá petiscar "polbo, churrasco e empanada a prezos populares" nun xantar atendido por persoas voluntarias, entre elas, as e os edís electos.
A Coruña: un acto "popular e participativo"
A Marea Atlántica pretende, pola súa banda, unha "investidura popular" e "participativa". Será ás 11 da mañá cando comece o pleno no que se fará efectivo o traspaso de poderes do antigo goberno do PP ao entrante do alcalde Xulio Ferreiro, que terá que adiantar un chisco o horario que tiña previsto para atender xa desde este sábado as vodas civís que se celebren no palacio municipal.
A Marea sumará aos convidados "protocolarios" varios representantes "dos movementos sociais e do tecido asociativo da cidade"
A investidura contará da "sesión estándar" que se celebrará no salón de plenos e na que se prevé a presenza tamén dos "convidados protocolarios" que o anterior executivo local fai cada catro anos. A Marea, segundo aclara, engadirá a estes invitados outros que acudirán en representación "dos movementos sociais e do tecido asociativo da cidade". Haberá dous salóns habilitados onde se poderá seguir o acto por televisión e, ademais, por primeira vez "será retransmitido por streaming".
Farase así para que, ante o escaso aforo do salón de plenos, todo o que queira poida seguilo a través de internet. Pero a Marea Atlántica non quere que o acto quede aí, senón que anima a cidadanía a que acuda á praza de María Pita, desde onde Xulio Ferreiro se dirixirá á cidadanía. A todos aqueles que por falta de espazo non poidan estar dentro. Será tamén unha forma de "simbolizar" a ausencia de barreiras que a plataforma cidadá prevé derrubar, as que adoita haber entre rúa e institución local, tal e como expresa o futuro rexedor.
Ademais do discurso institucional no salón de plenos, haberá outros na praza de María Pita e para toda a veciñanza
E non falará só el. Á marxe do discurso institucional no interior do Concello, haberá outro fóra no que non só intervirá o rexedor ou algúns dos novos concelleiros, senón que se intentará "simbolizar" a chegada dun goberno da xente coa intervención doutras persoas, seguramente ligadas aos movementos sociais. Algúns deles, como o movemento abolicionista e contra as touradas, xa animou aos seus membros a acudir a celebrar a chegada da Marea.
"Non é un goberno máis, senón o goberno do pobo e da xente e iso é o que intentaremos expresar", aseguran desde a Marea, que aposta por unha investidura "ilusionante" e con algún "xesto simbólico". Xa á tarde, o executivo local da Marea Atlántica ten previsto levar a cabo a súa primeira xuntanza de traballo. Daquela, serán xa oficialmente o alcalde da Coruña e os nove concelleiros da cidade, logo de que PSdeG e BNG, que o confirmou nas últimas horas, voten a favor da investidura de Xulio Ferreiro.
Ferrol: unha sesión "plenamente aberta"
En Ferrol, a investidura de Jorge Suárez (Ferrol en Común) como alcalde, co apoio de PSdeG-PSOE (que entrará tamén no goberno) e BNG, será sinxela, pero introducirá algúns cambios con respecto ao que se viñera facendo en ocasións anteriores. Por unha banda, sinala Suárez “como corresponde nunha democracia e nun estado aconfesional, non haberá simbolismo relixioso: biblia nin crucifixo”. Ademais, o acto terá unha menor carga protocolaria: “non haberá convite específico ás autoridades civís e militares, senón que será un acto plenamente aberto: toda a cidadanía está convidada e poderá asistir”. A única limitación será a propia capacidade do Salón de Plenos, que estará aberto, e dun espazo anexo, onde se instalará unha pantalla para seguir a cerimonia.
"Será un acto sinxelo e austero, sen ningún tipo de ostentación", advirte Jorge Suárez, futuro alcalde de Ferrol
“Aínda que comeza un novo ciclo, consideramos que tampouco é momento para celebracións ou grandes festas, e polo tanto non vai haber megafonía na praza nin evento festivo ningún”, explica. “Vai ser un acto sinxelo e austero, sen ningún tipo de ostentación, porque Ferrol é onde menos corresponde facelo, por mor da situación socioeconómica que vivimos”, sinala o futuro alcalde. O acto de investidura comezará ás 12 do mediodía e a partir das 11.15 estarán xa abertas as portas do salón de plenos para todas as persoas que queiran asistir a el.
A investidura no Concello ferrolán chega só unhas horas despois de que Ferrol en Común e PSdeG pechase o acordo de goberno
Este venres pola mañá Ferrol en Común e o PSdeG-PSOE pecharon o acordo de goberno para a lexislatura, que aínda deberá ser ratificado -este martes- pola asemblea aberta de Ferrol en Común, e que se caracteriza porque ningunha das dúas formacións xestionará en exclusiva as distintas concellerías, senón que compartirán responsabilidades en todas elas.