O alcalde de Valga ameaza a Villares cunha querela tras acusalo de corrupción no Concello

O alcalde de Valga, Bello Maneiro, durante un pleno © Concello de Valga

O alcalde Valga, José María Bello Maneiro (PP), respondeu este mércores á denuncia pública de En Marea sobre unha "trama de corrupción" no Concello negando "todas" as acusacións da formación política e advertindo da posibilidade -estúdiano xa os asesores xurídicos- de interpoñer unha querela contra o seu portavoz, Luís Villares, ao que acusa de verter "insultos e descualificacións", non só contra o grupo de goberno, senón tamén contra "funcionarios e traballadores municipais". 

O alcalde de Valga anuncia unha posible querela contra Villares polos "insultos e descualificacións" contra o equipo de goberno e traballadores municipais

En Marea denunciou a pasada semana a existencia desa suposta trama de corrupción no Concello de Valga, na que implicou o alcalde, así como o secretario e o interventor municipais, ambos os dous ocupando os seus cargos por acumulación, ao exercer normalmente no municipio onde teñen praza e algúns días á semana nesta localidade pontevedresa. En rolda de prensa, Villares advertiu de varias irregularidades, a primeira delas o mantemento tanto do secretario, Juan Manuel Salguero, como do interventor, Juan José Vidal, nos seus postos de maneira "irregular" e "ofertando salarios moi por baixo da súa categoría para evitar que ninguén máis concorra ás dúas prazas". Segundo a formación política, o obxectivo de manter estes funcionaros no posto non é outro que lograr "que fagan a vista gorda á activade do rexedor".

En Marea acusa o Concello de manter dous funcionarios de maneira "irregular" para "agochar" polémicas decisións administrativas

En Marea considera que a permanencia destes dous funcionarios no posto débese á necesidade de"agochar" decisións como adxudicar un contrato de reforzo administrativa a unha socia do interventor na compañía Iglesias Lago Vilanova Asesores, muller que, segundo denuncian, "nunca pisou o Concello porque quen fai o traballo, mesmo dende o mostrador de atención ao público, é Luís Nieto, outro dos socios da empresa, que está xubilado". Ademais, a formación asegura que ambos os dous traballadores, con praza en Ribeira e Sanxenxo, cobran "dietas de xeito irregular" e asegura ter proba documental de todo o denunciado. 

O rexedor, José María Bello, negou todas as acusacións. “En política non todo vale. Hai que ser serios e respectuosos e xa é hora de que alguén empece a tomar medidas contra as descualificacións e os insultos", dixo en rolda de prensa, acompañado polas concelleiras Begoña Piñeiro e Carmen Gómez. “Todo o que fai o Concello está dentro da legalidade”, insistiu, logo de asegurar que "é falso" que se contratara a empresa sinalada por En Marea. "Contratouse durante un ano por 1.000 euros ao mes a unha persoa autónoma, precisamente para garantir o bo funcionamento da administración e para axilizar temas atrasados que o anterior responsable non logrou poñer en día. Este contrato remata en xuño e é un traballo que, na meirande parte, non se fai físicamente no Concello de Valga, senón de xeito telemático a través da Sede Electrónica que implantou o Concello", dixo. "Son profesionais que defenden a legalidade e cumpren coas súas obrigas e deberes", insistiu. 

Bello Maneiro nega todas as acusacións de En Marea: “Todo o que fai o Concello está dentro da legalidade”

En canto á denuncia de "irregularidades" nas dietas percibidas, o alcalde asegurou que "tamén están recollidas na lei" e afirmou que ambos os dous cobran 37,40 euros por cada día que visitan o Concello. "Só faltaría que tivesen que pagar do seu peto as comidas e os desprazamentos dende Ribeira e Sanxenxo”, engadiu. 

 

Concello sinalada pola investigación sobre dietas irregulares

As acusacións realizadas por En Marea chegan a un Concello sinalado xa por ser onde un xulgado investiga dietas presuntamente irregulares cobradas durante décadas polos edís do goberno local. A partir da apertura deste caso, foron varios os municipios onde se descubriron pagos semellantes aos postos en dúbida pola xustiza en Valga: primeiro en Outes, Curtis ou Noia e logo en Neda, Cabanas ou Porto do Son.

O xulgado de primeira instancia de instrución número 1 de Caldas de Reis citara a declarar como investigados sete dos nove edís do PP na localidade pontevedresa, entre eles o seu alcalde. A maxistrada investiga un presunto delito de malversación de fondos e prevaricación polo cobro por parte dos edís de dietas pola asistencia a unhas reunións denominadas comisións de coordinación, unha peculiar figura allea aos órganos colexiados habituais, instaurada nesta localidade desde hai máis de dúas décadas. Teríanse gastado unha media de 15.000 euros anuais e un total duns 400.000 euros desde 1992 e o ex-interventor no municipio xa ratificou ante a xuíza que estes cobros estaban á marxe da lei.

Fontes coñecedoras do caso e das presuntas irregularidades no Concello advirten a Praza.gal da posible relación destas coa contratación do secretario e do interventor agora sinalados por En Marea e reparan no feito de que algún deles teña relación con anteriores episodios polémicos en municipios gobernados polo Partido Popular.

Catro secretarios e catro interventores pasaron polo Concello de Valga neste mandato municipal

Ademais, son xa un mínimo de catro secretarios e catro interventores os que traballaron na administración local de Valga neste mandato municipal, desde as eleccións de maio de 2015. Até oito funcionarios públicos destes postos claves pasaron cando menos polo municipio desde que o PP revalidase a súa maioría absoluta. Foron varias as mudanzas e renuncias no persoal, que coincidiron coas dúbidas que desde a oposición que exerce o PSdeG se deitaron sobre determinadas actuacións administrativas. Unha delas levou á denuncia sobre as polémicas comisións de coordinación. Agora, outras dúbidas levan a En Marea a denunciar publicamente tamén presuntas irregularidades.

En decembro de 2016, tomaba posesión no Concello de Valga un novo secretario. Facíao tras a marcha da anterior secretaria en setembro e logo de que se anulase un proceso selectivo para o posto que foi finalmente adiado. Incorporouse así para ocupar o cargo por acumulación, exercendo normalmente no municipio onde ten praza e un día ou dous á semana nesta localidade pontevedresa. O elixido foi Juan Salguero, un dos funcionarios incorporados ao Concello de Santiago polo goberno de Conde Roa en condicións irregulares, segundo o TSXG.

En 2011 e con menos de medio ano gobernando no Concello de Santiago, o PP -con Conde Roa na alcaldía e Ángel Espadas como responsable do seu gabinete- esforzouse en prorrogar o contrato que o consistorio tiña con Aquagest. Naqueles días Espadas explicáballes aos responsables da empresa en Galicia e Compostela que a operación estaba practicamente feita e as únicas dificultades eran que o secretario e a interventora municipal "nos están torpedeando todo" e por iso traballaron para afastalos dos seus cargos. Esa remuda levouse a cabo e logo o TSXG anulouna, ordenando "o cesamento dos nomeamentos litixiosos", naquel caso de Juan Manuel Salguero e Vicente Calvo, e a reincorporación dos anteriores funcionarios.

O secretario Juan Carlos Salguero elaborou o informe clave para a absolución de sete edís do PP na Pokémon

Para o posto de secretario a "primeira opción" para o goberno de Conde Roa era Francisco Cacharro, fillo do ex-presidente da Deputación de Lugo, "que non quixo vir por unha cuestión persoal". "Pero traemos a outro que non é peor, eh?", sinalaba Ángel Espadas nas conversas relatadas no sumario da Pokémon. Salguero foi, logo, quen elaborou o informe clave para a absolución de sete edís do PP, que  nun principio foran condenados a nove anos de inhabilitación por prevaricación ao aprobaren o pagamento da defensa xurídica doutro edil, imputado no caso, sen atender aos requisitos legais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.