A Fiscalía pide 6 anos de cadea para o socialista Gerardo Seoane por delitos de prevaricación urbanística e contra a ordenación do territorio
A Audiencia Provincial de Ourense acolle o xoves da vindeira semana un xuízo contra o alcalde de Verín, o socialista Gerardo Seoane, por delitos de prevaricación urbanística e contra a ordenación do territorio por obras municipais executadas a carón dunha igrexa sen licenza nin permiso de Patrimonio. A Fiscalía pide para Seoane, arquitecto de profesión, entre outras penas, 3 anos de cadea por cada delito, 3 anos de inhabilitación para oficio relacionado coa construción, 12 anos de inhabilitación para cargo público e 6.500 euros de multa.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, en febreiro de 2019, sendo xa alcalde Seoane, o Concello de Verín realizou diversas obras na contorna de protección da igrexa de San Bartolomé de Queirugás e dos seus muros circundantes, tamén protexidos. Traballos que incluíron a demolición de restos dunha edificación, levantado do firme existente na rúa, movementos de terra e reconstrución de muros en distintas posicións.
A Fiscalía indica que a Consellería de Cultura chegou a pedir "o auxilio da Policía Autonómica para entregar ao acusado a notificación do informe antedito, negándose o acusado a asinar e recoller" a notificación
Un técnico da Consellería de Cultura visitou as obras e requiriu ao Concello a paralización cautelar das mesmas. A consellería chegou a pedir "o auxilio da Policía Autonómica para entregar ao acusado a notificación do informe antedito, negándose o acusado a asinar e recoller dita notificación, continuando coa execución das obras a sabendas da ilegalidade das mesmas". Unha afirmación que a Fiscalía fai recalcando que Seoane é "arquitecto de profesión, aínda que desempeña funcións de alcalde".
O escrito de acusación sinala que estes feitos son constitutivos dun delito de prevaricación urbanística en concurso medial cun delito contra a ordenación do territorio. Polo primeiro delito a Fiscalía pide para Seoane 3 anos de cadea, multa duns 3.200 euros e inhabilitación especial de 12 anos para emprego ou cargo público. E polo segundo delito outros 3 anos de cadea e 3.200 euros de multa e inhabilitación especial de 3 anos para o exercicio de profesión ou oficio relacionado coa construción.