O bar franquista de Arteixo exponse a unha multa de 9.000 euros tras a inspección da Xunta

Simboloxía fascista nun bar de Arteixo en 2021 © Google

A Xunta abriu xa expediente ao bar de Arteixo coñecido pola súa apoloxía franquista e o uso de simboloxía fascista tanto na súa fachada principal coma no seu interior. O establecemento enfróntase agora a ata 9.000 euros de multa logo da denuncia realizada pola plataforma veciñal Arteixo Futuro, que reclama agora a intervención do Goberno de España a través da Secretaría de Estado de Memoria Democrática. 

Foi Turismo de Galicia quen realizou xa unha inspección a este establecemento hostaleiro de Chamín, na estrada que une Arteixo con Caión, logo de que fose denunciado por unha suposta vulneración de prohibición do dereito de acceso. Foi a fórmula utilizada para a denuncia dun bar que loce na súa entrada a consigna "Rojos abstenerse" ou lemas franquistas como "Una, grande y libre". 

Simboloxía e mensaxes fascistas nun local hostaleiro de Arteixo © Google / Ae_arteixo

Turismo de Galicia, a preguntas de Praza.gal, aclara que acordou xa iniciar "dilixencias previas que se traduciron na realización dunha visita inspectora". O resultado da visita foi o levantamento dunha acta de infracción que dará lugar á "apertura do correspondente expediente sancionador pola suposta comisión dunha infracción turística grave, que, no seu caso, poderá ser obxecto de sanción con multa por importe de 901 a 9.000 euros". Unha sanción máxima que xa se lle fora imposta por motivos semellantes a un establecemento en Mera. 

Turismo de Galicia inspeccionou o local e abriu un expediente sancionador que pode supoñer unha multa de entre 901 e 9.000 euros

Xa antes da apertura do expediente, Turismo de Galicia lembrara que non era "competente" no que ten que ver coas posibles manifestacións contra a dignidade das vítimas do franquismo e que debía ser "o Goberno central quen ditamine se é contrario a normativas como a Lei de Memoria Democrática". Turismo de Galicia limitarase a actuar se considera que as mensaxes e procederes do bar supoñen vulnerar o dereito de acceso: se nega, restrinxe ou condiciona de forma inxusta ou discriminatoria a entrada. 

Por iso, desde a plataforma Arteixo Futuro fan agora un chamamento á Secretaría de Estado de Memoria Democrática e ao seu titular, Fernando Martínez. Nunca carta aberta piden unha intervención contra o establecemento por "enxalzar o franquismo e o período ditatorial" e mostrar un "evidente negacionismo dos seus crimes". 

A entidade denunciante reclama agora a intervención do Goberno de España a través da Secretaría de Estado de Memoria Democrática

Nunha carta aberta ao secretario de Estado, a entidade advirte da "necesaria intervención para determinar" se o establecemento "cumpre co marco xurídico actual e co respecto polas vítimas e familiares" das persoas represaliadas pola ditadura. 

A polémica arrodea este establecemento desde hai moitos anos pola súa reiterada apoloxía fascista, que tamén incluíu unha placa antiga dunha vella calle José Antonio Primo de Rivera. Unha reivindicación sen complexos do fascismo que indigna, se cadra, máis no verán a medida que se aumenta a súa difusión, ao estar o local situado nunha concorrida estrada que une varias praias e zonas de baño como Barrañán e Caión. 

A entidade Arteixo Futuro pide pór fin á apoloxía franquista neste local CC-BY-SA Arteixo Futuro

No perfil da súa conta de X, inactiva desde hai anos, o seu dono utiliza unha foto facendo o símbolo fascista na porta do seu bar ante o lema "una, grande y libre" do que presume na súa única mensaxe, empregada para contestar a críticas sobre a súa decoración. Nas súas últimas declaracións, logo de ser coñecida a denuncia, insistiu na súa intención de manter as bandeiras e lemas franquistas no establecemento. 

Polémica permanente

A apoloxía franquista deste establecemento, desde que a iniciara durante a pandemia da COVID, foi xa denunciada publicamente en numerosas ocasións por veciñanza ou visitantes da zona pero o propietario do establecemento negouse sempre a retirala e aclarou que penduraba bandeiras fascistas porque esas eran as súas ideas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.