"Rojos abstenerse": denunciado o bar de Arteixo que leva anos facendo apoloxía franquista

Simboloxía e mensaxes fascistas nun local hostaleiro de Arteixo © Google / Ae_arteixo

Simboloxía e lemas franquistas e fascistas. É o que centos de coches que diariamente pasan pola estrada que une Arteixo e Caión, no lugar de Chamín, poden ver desde hai xa moitos anos nun coñecido bar situado nunha das numerosas curvas desta vía. 

Un bar de Arteixo leva anos pendurando bandeiras franquistas na fachada do seu local, adornada con frases como "rojos abstenerse" ou "una, grande y libre"

"Una grande y libre" ou "rojos abstenerse" son algunhas das frases que loce en grandes letras este establecemento na súa terraza, coa fachada do edificio adornada con numerosas bandeiras preconstitucionais, carteis co número 36 (en clara alusión ao inicio da guerra civil) e arengas militares; unha decoración mesturada con publicidade dunha coñecida marca de cervexa ou de apoio ao piloto de motociclismo Marc Márquez, e que se completa dentro con fotografías do ditador Francisco Franco. 

Coa apoloxía franquista vixente no bar O Ferrador desde hai xa anos, a plataforma veciñal Arteixo Futuro fartouse e presentou unha denuncia administrativa ante a Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta por "apoloxía constante" da ditadura

A entidade Arteixo Futuro pide pór fin á apoloxía franquista neste local CC-BY-SA Arteixo Futuro

No escrito presentado, a entidade lembra que a exhibición de bandeiras preconstitucionais e outros símbolos fascistas, ademais dalgunhas mensaxes da fachada poderían ir contra a lei vixente en materia de memoria democrática e vulnerar principios constitucionais. 

A plataforma veciñal Arteixo Futuro denunciou o local ante a Dirección Xeral de Comercio da Xunta por "apoloxía constante" da ditadura

Arteixo Futuro entende que xa o lema "rojos abstenerse" á entrada vulneraría o artigo 14 da Constitución sobre igualdade sen discriminación por razón de "nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social". 

"Existe unha evidente extralimitación do dereito á liberdade de expresión cando se pendura na fachada unha enorme bandeira preconstitucional, se empregan slogans asociados á ditadura e se formulan determinados requisitos de acceso en función da ideoloxía ou opinións políticas de calquera persoa", di Arteixo Futuro, que reclama á Xunta que abra dilixencias e un expediente sancionador ao local. "Basta de reivindicar ditaduras xenocidas", reclama o colectivo nun comunicado. 

A entidade veciñal pide ás autoridades "unha mobilización en defensa da memoria democrática" e lembra que o bar fai "apoloxía dunha ditadura xenocida" nun municipio, ademais, onde houbo "paseados polos falanxistas e seguidores do franquismo", lembrando figuras como a do pintor Luís Huici e moitos outros asasinados, ademais da represión sufrida por tanta veciñanza. 

A Xunta asegura que "debe ser o Goberno central quen ditamine se é contrario a normativas como a Lei de Memoria histórica"

Desde a Xunta, Turismo de Galicia aclara que procederá a "investigar os motivos da denuncia e actuará se incumpre a normativa turística", pero lembra que "non é competente neste tipo de manifestacións", e que "debe ser o Goberno central quen ditamine se é contrario a normativas como a Lei de Memoria Histórica", en referencia á Lei de Memoria Democrática.

Franquismo declarado

A polémica arrodea este establecemento desde hai moitos anos pola súa reiterada apoloxía fascista, que tamén incluíu unha placa antiga dunha vella calle José Antonio Primo de Rivera. Unha reivindicación sen complexos do fascismo que indigna, se cadra, máis no verán a medida que se aumenta a súa difusión, ao estar o local situado nunha concorrida estrada que une varias praias e zonas de baño como Barrañán e Caión. 

Simboloxía fascista nun bar de Arteixo en 2021 © Google

A apoloxía franquista deste establecemento, desde que a iniciara durante a pandemia da COVID, foi xa denunciada publicamente en numerosas ocasións por veciñanza ou visitantes da zona pero o propietario do establecemento negouse sempre a retirala e aclarou que penduraba bandeiras fascistas porque esas eran as súas ideas. 

No perfil da súa conta de X, inactiva desde hai anos, o seu dono utiliza unha foto facendo o símbolo fascista na porta do seu bar ante o lema "una, grande y libre" do que presume na súa única mensaxe, empregada para contestar a críticas sobre a súa decoración. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.