O BNG de Vigo alerta da instalación de medidores de afluencias non identificados no centro da cidade

Un dos sensores que apareceron no centro de Vigo. Rúa Príncipe, xunto ao Marco. CC-BY-SA BNG

O BNG de Vigo alerta da aparición de sensores para o control de aglomeracións no centro da cidade sen identificación e sen licitación pública do servizo

Nos últimos días en numerosos postes e sinais de tráfico do centro da cidade de Vigo apareceron colocadas unhas caixas sen identificar que segundo denuncia o grupo municipal do BNG, parecen estar destinadas a medición de afluencias e control de aglomeracións.

Segundo informan desde a forza nacionalista, os dispositivos da marca Wolt están situados nos arredores da rúa do Príncipe e os puntos nos que están instalados non contan con ningún tipo de rótulo ou indicativo que informen expresamente da súa presenza.

Outro sensor está situado na varanda das escaleiras do Marco. CC-BY-SA BNG

O BNG alerta de que se descoñece que entidade é responsable da súa instalación, con que finalidade e obxecto concreto, así como se o seu funcionamento pode ter algunha incidencia en materia de protección de datos persoais. Tampouco se ten constancia no Perfil do Contratante do Concello de Vigo, dentro da Plataforma de Contratación do Sector Público, da licitación deste servizo.

Desde o Concello informaron de que se está a probar a tecnoloxía "dun proxecto piloto que mide os niveis de ocupación para adoptar medidas relacionadas co tráfico"

Desde o Concello informaron de que se está a probar a tecnoloxía "dun proxecto piloto que mide os niveis de ocupación para adoptar medidas relacionadas co tráfico", indican. Fontes municipais explican que esta tecnoloxía "non é invasiva, non mide o número de persoas, nin as identifica, senón que facilita niveis de ocupación da vía pública", aseguran, e dellan que as probas estanse a realizar só na contorna da Farola (de Urzaiz) para ver os resultados. 

"A cidadanía ten que seguir poder  transitando libremente polas rúas da cidade tamén durante o período de Nadal”, indica o portavoz do grupo municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas

“O goberno municipal de Abel Caballero ten que dar explicacións á cidade de para que van servir estes sensores, como van funcionar e desde logo ten que dar garantías de que en ningún caso van recoller información de carácter persoal da cidadanía que ten que seguir poder transitando libremente polas rúas da cidade tamén durante o período de Nadal”, asegura o portavoz do grupo municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas.

Un dos sensores situados nunha fachada da rúa do Príncipe. CC-BY-SA BNG

En consecuencia, desde o grupo municipal do BNG veñen de solicitar oficialmente ao Concello de Vigo para que o informe sobre se a instalación destes sensores foi ordenada polo propio Concello; con que finalidade, obxecto e duración; a través de que procedemento de contratación pública e con que custo e a cargo de que partida orzamentaria.  

A forza nacionalista tamén socita, ao abeiro do Regulamento Orgánico do Pleno, que se lle infome se foi solicitado e emitido, e en que sentido, informe polo delegado de Protección de Datos do Concello de Vigo "sobre a súa eventual incidencia nesta materia" así como acceso ao expediente e documento de todo o procedemento muncipal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.