O BNG denuncia "cifras récord de sinistralidade laboral" e reclama ao PP que axilice o traspaso de Inspección de Traballo

Tres traballadores traballan en altura sobre un edificio © UGT Galicia

Os nacionalistas acusan á Xunta de "autocompracencia e falta de iniciativa" e esixen "que faga cumprir as normas de prevención de riscos"

O BNG denunciou este venres as "cifras récord de sinistralidade laboral" en Galicia e reclamou ao PP a solicitude formal do traspaso da Inspección de Traballo e Seguridade Social, acordada no Senado o pasado marzo. O deputado nacionalista encargado da área de Emprego, Ramón Fernández Alfonzo, acusou á Xunta de "autocompracencia" e de "falta de iniciativa" e esixiulle que faga cumprir a normativa de prevención de riscos laborais, competencia do Goberno galego. 

Segundo o BNG os datos oficiais do Ministerio de Traballo recollidos ata o pasado mes de xuño "colocan a Galiza entre as tres Comunidades Autónomas con máis mortes, con 30 falecementos por causas laborais". Por iso o BNG vén de rexistrar unha interpelación ao conselleiro de Emprego para preguntarlle sobre a sinistralidade laboral no país. "A estes datos súmanse, despois do mes de xuño, outras catro persoas falecidas no afundimento do Argos Georgia nas Malvinas, e neste último mes de agosto, en tan só 15 días, faleceron outras catro persoas facendo o seu traballo", lembra o BNG. 

Ramón Fernández Alfonzo, deputado do BNG CC-BY-SA BNG

Segundo o deputado nacionalista, a Xunta "presume" de reducir a mortalidade durante o ano 2023, "omitindo que as cifras de 2022 son extremadamente elevadas por causa do naufraxio do Vila de Pitanxo, no que morreron 21 persoas".

Para Fernández Alfonzo, os últimos acontecementos, "colócannos diante dunha nova vaga de mortalidade laboral" e veñen constatar que a sinistralidade en Galicia "está instalada en cifras récord dun xeito estrutural", advirte. Lamenta ademais que as caídas desde tellados e as que acontecen no sector forestal continúan repetíndose.

O BNG critica que a Xunta "presume" de reducir a mortalidade en 2023, "omitindo que as cifras de 2022 son extremadamente elevadas por causa do naufraxio do 'Vila de Pitanxo', no que morreron 21 persoas"

Fernández Alfonzo acusa a Xunta do PP de facer "oídos xordos a todas as chamadas de atención sobre o feito de que a normativa sobre prevención de riscos laborais non se cumpre", xa que, aclara, "só existe apenas a nivel documental e aparencial", e recrimina que o Goberno galego "fai como se isto non se soubese" incorrendo así nunha "gravísima irresponsabilidade".

"Nós non dicimos que o ISSGA deixe de facilitar guías e protocolos específicos aos diferentes sectores da nosa economía pero a Xunta, que é a autoridade laboral na Galiza, debería centrarse en garantir que a normativa que xa existe a día de hoxe se cumpre", reitera.

Nesa liña o nacionalista recoñeceu importancia do rol que a Inspección de Traballo e Seguridade Social ten na loita contra a sinistralidade laboral porque a ela corresponden en primeiro lugar as tarefas de control. Porén, advertiu que a duplicidade, inspección de traballo no ministerio e autoridade laboral e planificación das actuacións de prevención de riscos na Xunta, malia os organismos e mecanismos de coordinación entre administracións que existen, "non deixa de constituír unha anomalía disfuncional nun ámbito no que actuar coa máxima eficacia debera ser para o goberno galego unha prioridade política da máxima importancia", recalcou. 

Neste sentido o BNG lembra que o 21 de marzo deste ano 2024 o Senado aprobou por iniciativa súa e coa incorporación dunha emenda presentada polo PP unha moción que pide "abordar o traspaso a Galicia da materia, funcións, servizos e xestión da Inspección de Traballo, coa correspondente dotación económica, coa fin de mellorar a súa xestión". Por iso Fernández Alfonzo reclama ao Goberno galego solicitar formalmente o traspaso da Inspección de Traballo e Seguridade Social, "tal como se acordou no Senado, do mesmo xeito que a teñen transferida en Euskadi e Catalunya", concluíu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.