O BNG leva a Bruxelas as multas aos emigrantes retornados

Ana Miranda, nunha manifestación de preferentistas e os emigrantes retornados © BNG

O BNG leva a Bruxelas as multas de Facenda aos pensionistas emigrantes. Así o anunciou Olalla Rodil, número tres da candidatura do BNG ás eleccións europeas, que explicou que o Bloque xa presentou unha denuncia, acordada coa Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados, na que insta a Eurocámara a pronunciarse sobre a "legalidade" da campaña do Goberno español, que leva meses exixindo o pago de multas, xuros de demora e a contía das declaracións exixidas polas pagas que desde 2008 perciben dos diferentes Estados nos que traballaron. Todo malia que nunca foron advertidos da obrigatoriedade de dar contas ao fisco destas cantidades.

Ana Miranda pregunta á Eurocámara sobre a "legalidade" dunha campaña sancionadora que ningún outro Estado da UE levou a cabo

Para o BNG, a Axencia Tributaria "está a acosar a estas persoas que se viron na obriga de emigrar”, e agora “pretende facerlles pagar inxustamente polas xubilacións que cobran noutros países nos que cotizaron durante a súa vida laboral nos seus anos de emigrantes”. Esta situación afecta potencialmente a uns 250.000 emigrantes retornados galegos, tal e como asegura o BNG, e que están a recibir multas de entre 8.000 e 20.000 euros. Segundo lle confirmou Facenda á Xunta, uns 11.000 galegos están aínda pendentes de recibir sanción.

Foi Ana Miranda, a candidata do BNG ás eleccións europeas, a que presentou publicamente unha denuncia dunha campaña de sancións que considera "inxustas" e que enmarca dentro do "acoso" ao que están sendo sometidos os emigrantes retornados galegos. “Son miles de emigrantes retornados aos que o Goberno español obriga a volver declarar o que cotizaron no estranxeiro”, explicou Olalla Rodil e engadiu que “esta é unha decisión recadatoria, que ningún outro Estado membro da Unión Europea adoptou”, polo que está convencida de que “Bruxelas terá algo que dicir, porque estas persoas xa declararon no seu día no país no que traballaban e agora ordénaselles volver facelo”.

O Bloque advirte de que a decisión do Goberno español "incumpre varias directivas europeas" e supón "unha discriminación" para os emigrantes galegos

O BNG propón que se aplique unha fiscalidade sensible ao colectivo emigrante que non afecte as súas pensións, que a formación nacionalista considera "algo merecido", logo de verse obrigados a abandonar o país ante a falta de futuro na súa terra. Olalla Rodil afirmou que “a decisión do Goberno español incumpre varias directivas europeas e supón unha discriminación clara dos emigrantes retornados galegos con respecto a outros xubilados e ao resto de cidadáns da UE”.

Os colectivos de emigrantes retornados afectados por esta campaña, agrupados na Coordinadora Nacional Galega, xa advertiron de que "castigarán" nas urnas ao PP por non "atender" as súas "reivindicacións" e continuar coa campaña sancionatoria e recadatoria. Ademais, esta coordinadora na que se inclúen 21 plataformas de afectados de toda Galicia, anunciou tamén que apoiará e buscará o apoio para o BNG e Ana Miranda nas vindeiras eleccións europeas por ser "a voz dos traballadores e traballadoras retornados e pensionistas".

Emigrantes retornados ante a delegación de Facenda Dominio Público @15Mmontealto
Ana Miranda, nunha manifestación de preferentistas e os emigrantes retornados © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.