O BNG pon en marcha un consello asesor para o deseño do seu programa electoral

Consello asesor do BNG para a elaboración do seu programa electoral CC-BY-SA BNG

Ana Pontón di que presentará "un programa ambicioso, transformador e realista que deseñe a Galiza das próximas décadas, mellore a vida das persoas e deixe atrás o declive dos gobernos do PP"

O BNG reuniu este sábado en Santiago por primeira vez o consello asesor co que reforzará a elaboración do seu programa de goberno para as próximas eleccións galegas. Este órgano, centrado no ámbito económico, está integrado por persoas expertas en distintas áreas de actuación e segundo a formación contribuirá á elaboración dun "ambicioso programa de transformacións económicas en liña cos grandes retos que temos como país en ámbitos como a innovación e a transformación tecnolóxica e industrial, a recuperación e xeración de máis valor engadido nos nosos sectores produtivos, a resposta á emerxencia climática, un modelo enerxético que poña a riqueza eléctrica deste país ao servizo da sociedade ou o desafío da axenda territorial, urbana e do desenvolvemento rural".

Consello asesor do BNG para a elaboración do seu programa electoral CC-BY-SA BNG

Na primeira reunión deste sábado Ana Pontón agradeceu ás persoas integrantes do consello o seu compromiso con Galiciaa para poder definir "con claridade, con ambición e con realismo o proxecto económico do futuro Goberno galego". Neste sentido, sinalou como unha das grandes prioridades do executivo que aspira a presidir a de “ser capaces de poñer Galiza a producir, de impulsar unha gran transformación económica que deixe atrás o declive que vive Galiza cos gobernos do PP”.

Pontón mostrouse convencida de que con políticas ambiciosas, realistas e viables "podemos darlle a volta á situación" porque un contexto marcado polos cambios e as grandes transformacións en todo o sistema produtivo e tamén nas propias relacións internacionais "non pode enfrontarse cun goberno instalado na rutina, a propaganda e a desidia".

Esta é a listaxe facilitada polo BNG de persoas participantes no consello asesor:

  • Edelmiro López Iglesias, xefe do departamento de Economía Aplicada da USC. Foi director do Instituto para o Desenvolvemento Económico de Galiza (IDEGA).
  • Teresa Táboas Veleiro, arquitecta. Exconselleira de Vivenda (2005-2009).
  • Nieves R. Brisaboa, catedrática de linguaxes e sistemas informáticos da UDC. Investigadora principal do Laboratorio de Bases de Datos, adscrito ao CITIC.
  • Salustiano Mato, exreitor da UVigo, vicepresidente adxunto da CRUE. Foi director xeral de Investigación e Innovación da Xunta (2005-2009).
  • Dolores Puga, científica do Instituto de Economía, Geografía y Demografía (CSIC). Integrante do Grupo de Investigación sobre Envellecemento.
  • Montse Valcárcel, profesora de enxeñaría agroforestal da USC. Ex vicerreitora do Campus de Lugo.
  • Mar Pérez Fra, profesora do departamento de Economía Aplicada da USC. Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria.
  • Marcelino Fernández Mallo, economista. Con experiencia como consultor independente en sectores como o da automoción, o téxtil, o da alimentación ou o das TIC.
  • María do Carme García Negro, profesora do departamento de Economía Aplicada da USC. Directora do grupo de investigación de Economía Pesqueira.
  • Bernardo Valdés, profesor do departamento de Economía Aplicada da USC. Área de Economía, Socioloxía e Política Agraria.
  • Xosé Manuel Carril Vázquez, profesor de Dereito do Traballo e Seguridade Social da UDC.
  • Valerià Paül Carril, profesor do departamento de Xeografía da USC. Experto en ordenación do territorio.
  • Rubén Cela Díaz, economista. Experto en consultoría estratéxica e consultoría TIC.
  • Eva González Pérez, enxeñeira. Xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural Limia Arnoia.
  • Rubén Lois, catedrático de Análise Rexional da USC. Exdirector xeral de Turismo (2005- 2009).
  • Alfredo Suárez Canal, exconselleiro de Medio Rural (2005-2009).
  • Enrique da Silva, experto en enerxías.
  • Xosé Manuel Puga González, técnico xestor de fondos europeos.
  • Francisco Pedras, técnico de GAIN-CIS Madeira. Experto en Bioeconomía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.