O BNG solicitará unha comisión de investigación no Parlamento sobre o baleirado brusco de varios encoros en Galicia por parte de empresas eléctricas durante este verán. Así o anunciou a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, durante unha visita á presa do Bao (Viana do Bolo), outra das que está a sufrir unha importante baixada da auga.
O BNG pretende aclarar por que a Xunta non impediu o baleirado dos encoros e por que reduciu un 90% as sancións ás eléctricas por facelo
O Bloque pretende que se abra esa investigación para aclarar "por que a Xunta non impediu o baleirado dos encoros por parte de Iberdrola e Naturgy cando era coñecedora das intencións das eléctricas", en referencia aos correos electrónicos que unha das compañías enviara á Xunta xa no mes de xuño.
Ademais, Pontón aclarou que a comisión debería servir tamén para saber "por que a Xunta modificou a lei vinculada ás penalizacións do sector eléctrico pola xestión dos ríos galegos" para "rebaixar nun 90%" as posibles sancións ás eléctricas, tal e como explicou Praza.gal.
"Queremos saber por que se está a permitir que as eléctricas baleiren os nosos encoros, danando o medio natural, sen que se faga absolutamente nada", dixo Pontón, que acusou de "inacción" tanto á Xunta como ao Goberno central por permitir "un atentado ecolóxico" ou "ir en contra do funcionamento normal do sistema eléctrico".
Desde 2015, unha norma parlamentaria permite abrir unha investigación no Parlamento por lexislatura aínda que non sexa apoiada pola maioría absoluta da Cámara. A activación deste recurso non altera, en todo caso, o xogo de maiorías porque, no caso de abrirse, a comisión é controlada en última instancia por quen ostenta a maioría absoluta, neste caso o PP, como todos os órganos do lexislativo. A comisión tería que ser acordada por BNG e PSdeG para cumprir cos requisitos de número de apoios marcados pola lexislación.
Tras anunciar a súa intención, a líder da formación nacionalista denunciou a "hipocrisía" da Xunta por, malia ter coñecento de que Iberdrola ía baleirar varios encoros, levar "dous meses cruzada de brazos" pero "utilizando" a situación "na súa confrontación estéril contra o Goberno do Estado".
Pontón acusa a Xunta de "hipocrisía" por "utilizar" o baleirado dos encoros na súa confrontación co Goberno central malia saber das intencións das eléctricas
Pontón acusa o presidente Feijóo de "ir de ganchete do lobby enerxético" e insiste na "necesidade" de que o Parlamento galego "investigue esta estafa e vaia ata as últimas consecuencias". "Se a Xunta sabía o que as eléctrticas querían facer, poderíamos estar ante un suposto caso de prevaricación porque se traballa para beneficiar estas empresas en contra do medio ambiente e de Galicia".
Ademais, o PSdeG anuncioiu tamén que o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, empregará a primeira sesión de control parlamentaria tras as vacacións estivais para que aclare a súa inacción ante o baleirado dos encoros.
"Só un día despois de que o presidente da Xunta dixese solemnemente que non foran
informados do descenso dos encoros, publícase documentación que demostra que Feijóo mentiu unha vez máis", di Pablo Aragüena, viceportavoz do grupo socialista na Cámara, que anunciou que o PSdeG levará ao pleno unha pregunta específica sobre a resposta do presidente logo de que, “durante case dous meses nun caso e case tres meses noutro, a Xunta non actuase cando é a administración que ten competencias medioambientais”.
Arangüena lembrou que o Goberno galego pode e debe actuar nestes casos “non só pola lexislación de pesca fluvial, senón tamén pola lexislación medioambiental”, e en concret pola Lei de Protección Ambiental de Galicia.
A Xunta advirte agora dunha posible sanción de ata 2 millóns
Por outra banda, a Consellería de Medio Ambiente advirte nun comunicado de que a afección ao funcionamento normal dos ecosistemas polo baleirado de encoros pode supoñer sancións de ata 2 millóns de euros, ao abeiro da lei de patrimonio natural de Galicia.
A Xunta advirte dunha posible sanción de ata 2 millóns en base á lei de patrimonio natural, malia que o expediente foi incoado ao abeiro da lei de pesca continental
A Xunta fai esta advertencia malia que aclara tamén na mesma nota que a Consellería incoou os expedientes sancionadores contra a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e as eléctricas en base á lei de pesca continental de Galicia, "por non realizarse ningunha notificación formal desde o órgano competente". A "sanción máxima prevista" nese caso é na actualidade de 25.000 euros pola situación de cada presa, isto é, 100.000 euros en total -equivalente a arredor do 0,002% dos beneficios anuais das compañías- logo de que o Executivo galego reducise este ano un 90% o importe das multas por baleirar encoros que agora propón.
A posibilidade de sancións de ata 2 millóns de euros en base á lei de patrimonio natural só se daría no caso de que nos informes técnicos dos instrutores que se deriven dos expedientes abertos ao abeiro doutra lei se demostrase que o baleirado alterou o hábitat de especies ameazadas, segundo explica a propia normativa aludida agora, unha hipótese que a Xunta nin meciona na nota de prensa.