O BNG sinala unha suba do 20% do investimento en Galicia como limiar para valorar votar "si" aos Orzamentos do Estado

Ana Pontón e Néstor Rego, en rolda de prensa sobre as emendas parciais do BNG aos Orzamentos Xerais do Estado CC-BY-NC-SA BNG

A pasada semana, o pleno do Congreso rexeitou as emendas á totalidade dos Orzamentos Xerais do Estado, os primeiros do Goberno do PSOE e Unidas Podemos. Unha delas era a defendida polo deputado do BNG, Néstor Rego, que durante o propio debate xa matizou que á forma lle "gustaría poder votar a prol" das contas na súa aprobación definitiva, porque "iso significaría que toman en consideración as medidas necesarias para Galiza" mediante a aceptación de emendas parciais que, entre outros aspectos, dixo, incrementen o investimento previsto en Galicia.

O proxecto orzamentario prevé investimentos en Galicia por importe de 832 millóns de euros e o Bloque ultima emendas parciais para subilo ata un "mínimo" de 1.000 millóns

Esas emendas parciais son as que a formación soberanista se dispón a rexistrar. Segundo avanzaron este luns a líder do Bloque, Ana Pontón, e o propio Rego, unha das claves para o seu posible "si" pasa precisamente por unha suba da previsión do investimento real territorializado -partidas compostas sobre todo por infraestruturas-. 

O proxecto orzamentario destina a Galicia algo máis de 832 millóns de euros, un 10% máis que nas contas de 2019, que non chegaron a ser aprobadas, pero menos que os 936 millóns do derradeiro orzamento do Goberno de Rajoy. O limiar que o BNG sinala para valorar o seu posible "si", indican Pontón e Rego, pasa por chegar aos 1.000 millóns de investimento previsto. Isto é, un incremento na contorna do 20%. 

De logralo, serían os orzamentos estatais con máis orzamento previsto para Galicia dende 2016. En todo caso, caso, seguirían lonxe dos montantes acadados nos anos da construción simultánea das liñas de alta velocidade ferroviaria do eixo atlántico e á Meseta, cando chegou a superarse a cota dos 2.000 millóns.

Pontón e Rego sinalan as "melloras na rede ferroviaria interna" entre as infraestruturas para as que reclaman maior dotación

Baixando ao concreto, avanza Rego que as súas emendas van en tres direccións: "infraestruturas, políticas sociais e medio ambiente". Así, sinala, ese incremento ata chegar a un mínimo de 1.000 millóns pedirá que se dedique a "melloras na rede ferroviaria interna, tanto no norte entre Ferrol e A Coruña como na rede FEVE", o tren do norte de Ferrol a Ribadeo, outras conexións interiores e tamén a mellora definitiva da saída ferroviaria cara a Portugal. "Igualmente -reslta- conexión por tren para o porto exterior da Coruña e que o Estado asuma a súa débeda" como, subliña, vai facer en Valencia.

Alén do investimento territorializado, Pontón e Rego sinalan que nas súas negociacións co PSOE e Unidas Podemos reclamarán "compensar a débeda en dependencia", toda vez que o Estado segue sen cubrir o seu 50% de financiamento marcado por lei -o cal vén sucedendo ininterrompidamente dende que a norma está en vigor-. Esa compensación, estiman, roldaría os 250 millóns de euros. Ademais, subliñan, en materia de emprego público reclamarán a supresión da taxa de reposición (o límite para incrementar o persoal público) "de xeito prioritario, na sanidade" e "contribuír á redistribución de rendas aumentando nun punto o imposto de patrimonio a partir dun millón de euros.

O BNG amosa "total disposición a negociar" e o PSdeG di agardar que, finalmente, a formación soberanista actúe con "responsabilidade" e opte polo voto afirmativo ás contas

"O que temos claro é que imos defender os intereses de Galiza e iso significa que o investimento mínimo debe ser de mil millóns de euros se o Goberno de Sánchez quere contar co noso apoio", resume Pontón. "Estamos con total disposición de negociar, pero o BNG non vai colaborar nuns orzamentos que discriminan a Galiza", engade Rego, quen apunta a medidas xa incluídas no orzamento, como a partida de 55 millóns destinada a sufragar unha rebaixa de peaxes na AP-9 como froitos das súas negociacións que xa están reflectidas nas contas.

Pola banda do PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, reiteraba este luns que considera como "alta irresponsabilidade" a posibilidade de que, finalmente, o BNG non dea o seu "si" ás contas. Nos últimos días, Caballero dixo agardar que o Bloque considere non dar "un voto en contra de que suban as pensións a 800.000 galegas e galegos, de que suba o salario de 150.000 traballadores públicos e de que haxa unha rebaixa histórica nas peaxes da AP-9", exemplificou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.