O BNG valora votar "non" ou abterse nos Orzamentos do Estado ao ver a Galicia "descolgada da foto"

Pedro Sánchez e outros membros do Goberno de España e do grupo do PSOE, durante a sesión de control do 18 de novembro © Congreso dos Deputados

O pleno do Congreso aborda dende este luns o trámite definitivo dos Orzamentos Xerais do Estado para 2021, os primeiros do Goberno de coalición do PSOE e Unidas Podemos. Son tamén os primeiros que serán aprobados dende as derradeiras contas que dera sacado adiante o Executivo do PP de Mariano Rajoy para o ano 2018.

PSOE e UP contan xa cunha marxe duns dez votos por riba da maioría absoluta para aprobar o orzamento

Tras a confirmación do "si" dos catro escanos do PDeCAT, o gabinete que preside Pedro Sánchez afronta esta recta final cunha marxe de dez escanos por riba da maioría absoluta (xunto a PSOE e UP aprobarán as contas, cando menos, ERC, PNV, EH-Bildu, Más País e Compromís) para sustentar un "si" que o BNG desbota secundar se o Executivo non "rectifica". "O si está descartado", resume a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, porque "Galiza queda descolgada da foto" cando "nos estamos xogando investimentos estratéxicos para o futuro".

Escasas horas antes do inicio da xeira final das contas estatais no Congreso, Pontón afirmou "valorar" a "rebaixa histórica nas peaxes da AP-9" que traen consigo os Orzamentos "grazas á negociación do BNG". Suporán, aplaude, un "aforro importante" para as persoas usuarias e tamén "un revulsivo económico, porque afecta ás empresas".

Pontón coida que as contas do Estado para 2021 deixan a Galicia fóra de "investimentos estratéxicos" e Rego insta o Goberno do PSOE e UP a "rectificar" para reconsideraren o voto afirmativo

Pero "sendo isto importante, é insuficiente", coida o Bloque, por mor da previsión de investimento territorializado. O proxecto orzamentario contempla investimentos por 832 millóns de euros en Galicia, un 10% máis do proxectado nas contas de 2019 que non chegaron a aprobarse. "Supoñen un recorte do 11% a respecto dos Orzamentos de 2018 nuns "orzamentos expansivos" que, afea a líder nacionalista, contrastan coa "chuvia de millóns noutras comunidades que levan moitos anos con AVE", di en referencia ao feito de que a ministra de Facenda, María Jesús Montero, sinalase que os anos en que o investimento en Galicia roldou os 2.000 millóns foron os exercicios en que o eixo atlántico de alta velocidade e a conexión cara á Meseta estaban a ser construídas ao mesmo tempo.

Nestor Rego, deputado do BNG, intervindo no pleno do Congreso sobre os Orzamentos do Estado, este 30 de novembro © Congreso dos Deputados

Neste escenario, Pontón considera que "se o PSOE de Galiza ten que comungar con rodas de muíño, terá que explicalo" mentres o Bloque sabe "sumar e restar". Non é, advirte, o BNG o que queda fóra da "foto" da maioría que sacará adiante as contas. "Quen queda descolgada da foto é Galiza", lamenta nun contexto no que o rexeitamento ten razóns "cuantitativas" pero tamén "cualitativas", defende. "Fóra da rebaixa das peaxes", coida Pontón, "non hai ningunha cuestión importante" para Galicia e debera habelas para que, de aquí á votación definitiva do xoves, o Bloque transite cara ao "si". 

No mesmo sentido expresábase pouco despois o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, no reinicio do debate orzamentario en pleno. "Rectifiquen, aínda están a tempo, fagamos uns bos orzamentos para Galiza", reclamou dirixíndose aos escanos do PSOE e UP, formacións ás que, cre, debería "darlles vergoña" tratar a Galicia "peor do que o facía o PP". Maiores dotacións para proxectos como a conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña, "rexenerar a ría de Ferrol, modernizar Navantia" ou a saída sur ferroviaria de Vigo son, di, algunhas das emendas cuxa aceptación, di, farían que o BNG reconsiderase a súa posición. Caso contrario, advirte, manteranse lonxe do "si".

O PSOE insta o BNG a "sumar coas forzas de progreso" e sinala que "sen o AVE, o orzamento do 2021 recolle 770 millóns en investimentos para Galicia", alén das partidas para a "rebaixa histórica das peaxes da AP-9"

Tras a fin das principais partidas do AVE á Meseta, as principais partidas nos investimentos territorializados para Galicia atinxen ao remate doutras obras xa iniciadas, como a autovía A-54 entre Lugo e Santiago ou, en materia ferroviaria, a mellora da liña de Ourense a Lugo ou investimentos ligados ao corredor atlántico. O tren ao porto exterior de Ferrol, as fragatas que a Armada constrúe en Navantia Ferrol ou a rexeneración da ría do Burgo son outros dos principais proxectos contemplados. 

Tanto PSOE como UP veñen sinalando nas últimas semanas estes investimentos, así como outras claves de política xeral, para instar o Bloque a "sumar coas forzas do progreso", en verbas do coordinador do PSdeG no Congreso, Guillermo Meijón. "Un partido que pretende definirse como útil para Galicia non pode instalarse no 'non' permanente', sinala o parlamentario, quen insta a ter en conta que "sen o AVE, o orzamento de 2021 recolle 770 millóns de euros en investimentos para Galicia", aos que se engade a "rebaixa histórica das peaxes na AP-9".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.