O Concello alegou que o Nadal de Vigo é "temporal" para evitar a súa condena por ruído e o TSXG lembra que dura dous meses

A zona de Vigo na que se rexistraron os feitos agora condenados polo TSXG durante as festas do Nadal 2022-23 CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

A administración local minimizou o dano sufrido pola veciña denunciante co argumento de que levaba menos dun ano na vivenda pero o tribunal di que o dereito á intimidade e a inviolabilidade do domicilio non pode ser acoutado temporalmente

A condena do Concello de Vigo por vulnerar dereitos fundamentais dunha veciña co ruído das súas festas de Nadal, divulgada este mércores polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) permite coñecer os argumentos esgrimidos pola administración municipal na súa defensa. Para tentar rebaixar a importancia do dano sufrido pola denunciante o Concello alegou, entre outras cuestións, que as festas de Nadal teñen carácter "temporal" e que a veciña residía na vivenda en cuestión desde había menos dun ano, só desde o mes de febreiro anterior ao Nadal 2022-23 dos feitos analizados. Eses argumentos foron desbotados polo TSXG que lembra na sentenza que o Nadal de Vigo "é un evento que cada vez ten maior duración" e xa se estende durante dous meses.

Abel Caballero na inauguración dun Nadal de Vigo © Concello de Vigo

Tanto o Concello de Vigo nas súas alegacións como o TSXG lembran na sentenza que para que o ruído poida ser considerado unha vulneración de dereitos fundamentais a exposición ao mesmo debe ser "continuada no tempo". 

Nese sentido, o Concello argumentou que ese presuposto "no caso de autos non concorre, habida conta que as festas de nadal teñen unha periodicidade preestablecida, sendo polo tanto de carácter temporal, ao igual que as instalacións usadas para a celebración de ditas festas, que non son permanentes". O Concello argumenta a continuación que a denunciante "leva residindo na vivenda soamente desde febreiro de 2022".

A argumentación do Concello foi acollida inicialmente por unha primeira sentenza dun xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo que desbotou a denuncia da veciña. Pero o TSXG revoga esa decisión coa seguinte argumentación: "Non estamos de acordo coa sentenza apelada cando mantén que a saturación acústica soportada pola apelante non foi o suficientemente prolongada ou continuada no tempo polo carácter temporal que de por si teñen as festas de nadal en Vigo, que, por certo, é un evento que cada vez ten maior duración". 

O TSXG lembra que o Nadal 2022-23 analizado "tivo a duración nada desdeñable de 58 días seguidos"

Para o TSXG, segundo esa "regra de tres" esgrimida polo Concello, "habería que permanecer impasibles ante aquela contaminación ambiental producida polo ruído que tivera limitada a súa produción a uns días ou unhas semanas ao ano, quedando desta maneira extra muros do control xurisdicional a maioría das celebracións periódicas e de duración preestablecida".

O TSXG lembra que no caso do Nadal 2022-23 analizado a festa "tivo a duración nada desdeñable de 58 días seguidos (case dous meses), polo que non é comprensible que esta duración non sexa considerada de suficiente entidade".

O Concello tamén tentou restar validez a unha peritaxe con medicións sonoras presentada pola afectada co argumento de que medira o ruído "desde o interior da vivenda, o que debe ter un valor meramente informativo" fronte ás súas propias medicións na vía pública. Pero o TSXG responde que xa sexa empregando unha ou outra metodoloxía de medición "o certo é que os niveis de ruído sobrepasaron os regulamentariamente establecidos e permitidos" durante "un número considerable de días". 

Ante esta situación, ademais de condenar o Concello a indemnizar a veciña con 600 euros, o TSXG tamén obriga a adoptar "as medidas necesarias para evitar a reiteración da súa conduta lesiva dos dereitos fundamentais" e "garantir que os niveis de ruídos exteriores e interiores non rebasen os limiares fixados polas normas aplicables".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.