O Concello da Coruña, condenado a pagarlle ao Porto 1,6 millóns pola obra do goberno do PP no Parrote

© Concello da Coruña

Outra operación urbanística que acabará custándolle cartos ao Concello da Coruña. O Xulgado do Contencioso-administrativo número 4 condenou a administración local a pagar á Autoridade Portuaria da Coruña algo máis de 1,6 millóns de euros correspondentes á urbanización do Parrote. 

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a xuíza acepta así o recurso interposto polo Porto contra a resolución do Concello de xullo de 2017 e na que lle denegaba o pagamento. 

A sentenza, que non é firme, acusa o goberno local de Negreira (PP) de non querer asumir o sobrecusto da obra que se comprometera a pagar tras modificar o convenio

A sentenza, que non é firme e contra a que cabe interpoñer recurso de apelación, chega derivada do acordo ao que Porto e Concello chegaron en 2012, gobernando o PP con Carlos Negreira como alcalde, para modificar e ampliar o modelo de urbanización da superficie do Parrote que fora pactado anteriormente no convenio de execución da obra do vial e do aparcadoiro subterráneo construído nesta céntrica zona da Coruña, ao pé da praza de María Pita. 

No primeiro dos convenios, os traballos da superficie afrontados por Copasa, a empresa concesionaria, consistían unicamente na reposición dos pavimentos existentes antes de iniciar os traballos. Segundo a xuíza, coa modificación do convenio orixinal, o Concello comprometeuse “a pagar os gastos dos traballos, dentro do importe que se pactou, 16,5 millóns de euros, sempre que existise conformidade da Comisión de Seguimento das Obras”.

“O Concello, na segunda cláusula engadida ao convenio, aprobou a redefinición da superficie e a variación das obras que se ían executar para que formasen unha unidade de superficie coa Mariña, Porta Real e o acceso aos peiraos dos transatlánticos, asumindo o gasto que iso conleva. Do contrario, habería un enriquecemento inxusto do Concello, que esixe unha variación no pactado nun primeiro momento, pero non quere asumir o incremento do gasto que iso supón e ao que se comprometera”, destaca a maxistrada na sentenza. Foi unhas semanas antes das eleccións municipais de 2015 cando o Porto reclamou por escrito por última vez o pagamento dos 1,6 millóns. 

Martín Fernández Prado, cun plano das obras no Parrote © Concello da Coruña

A xuíza destaca que a execución e a medición da obra foi comprobada pola Comisión de Seguimento do Convenio a través dunha inspección realizada por unha asistencia técnica externa. “En canto á afirmación do Concello relativa a que se descoñece se os gastos reclamados pertencen unicamente ao reformado da urbanización da superficie ou pode conter gastos do vial ou do aparcadoiro, no expediente constan os orzamentos dos tres elementos co proxecto aprobado, o final e a diferenza, e estes orzamentos non foron desvirtuados polo Concello”, sinala a xuíza sobre o litixio mantido durante o Goberno da Marea Atlántica. Ademais, advirte á administración local de que “non cabe manter que non existe xustificación das obras executadas pola concesionaria”.

Máis de 40 millóns por sentenzas contra o urbanismo

A confirmación desta sentenza, que non é firme, suporía un novo golpe económico ao Concello por actuacións urbanísticas levadas a cabo durante os gobernos de Francisco Vázquez ou, neste caso, do popular Carlos Negreira. 

Só entre 2015 e 2017, o Concello da Coruña tivo que dedicar máis de 7,2 millóns de euros a pagamentos derivados de malas prácticas urbanísticas de anteriores gobernos municipais. Son, a inmensa maioría, cartos de indemnizacións a propietarios ordenados por sentenzas xudiciais contra a administración local pola mala praxe de anteriores mandatarios.

As sentenzas contra o urbanismo coruñés das últimas décadas supoñen xa máis de 40 millóns ao Concello

Ademais desa cantidade xa destinada en exercicios pasados, o Concello terá que afrontar nun futuro inmediato máis indemnizacións e moito maiores por mor dun cuestionado urbanismo, principalmente na etapa de Vázquez, que é emendado nos tribunais cando, en moitos casos, a solución xa non é posible. Case 20 millóns de euros por dous ditames aos que se engaden outros 25 millóns xa sentenciados antes e os que quedan por vir froito de varias licenzas e construcións ilegais con consecuencias por fixar. Máis de 40 millóns de euros en total por accións urbanísticas levadas a cabo desde mediados dos 90 e até hai tan só algúns anos.

Nos últimos meses, por exemplo, o Supremo rexeitou o recurso do Concello e obrigouno a pagar 14,5 millóns á veciñanza expropiada na contorna do Catro de Elviña; na Agra de Santo Amaro, foron 2 os que tivo que abonar. Máis grave para as arcas municipais foi o caso Someso, que suma 23 millóns de euros en indemnizacións pagadas tamén a propietarios expropiados. No caso do edificio do Conde de Fenosa, o TSXG validou o acordo alcanzado entre as partes na mediación intraxudicial impulsada pola administración local para dar solución ao preito pola licenza e construción ilegal do inmoble e evitar o pagamento de 60 millóns que tería suposto demoler todas as obras ilegais realizadas. 

Unha gasolineira ilegal nun centro comercial á entrada da Coruña e un edificio construído irregularmente no barrio de San Roque de Fóra son dúas das últimas complicacións urbanísticas para o Concello. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.