A administración iniciou obras para unha praza pública sen formalizar a escritura da cesión do terreo ofrecida polo seu agora desconforme propietario, cuestión que o alcalde, ex do BNG e agora no PP, considera "un trámite"
O Concello de San Xoán de Río é o promotor dunhas obras de construción dunha praza pública na aldea de Cerdeira que ocuparon terreos dos que a administración non é propietaria. Un veciño cedeu parte dun terreo seu para acometer a obra pero esta iniciouse sen que o Concello tramitase a escritura de cambio de propiedade e o particular, desconforme coa actuación municipal, requiriu a paralización vía notarial sen éxito. Segundo o alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua, hoxe no PP e antes concelleiro do BNG, que o Concello non teña aínda a escritura de propiedade dos terreos ocupados é "un trámite que se foi retrasando".
Segundo a documentación á que tivo acceso este diario, un veciño cedeu o pasado xaneiro ao Concello de San Xoán de Río parte dun terreo da súa propiedade para que a administración construíse unha praza pública no lugar de Cerdeira. Porén, a administración nunca tramitou a escritura pública de cambio de titularidade dos terreos, nos que xa se executou a obra, de 48.000 euros, promovida polo Concello e acometida con cargo a fondos da Deputación de Ourense.
Cando comezaron as obras, o propietario do terreo, desconforme coa actuación municipal, tanto coa burocrática como coa obra física que considera que prexudica ao resto do terreo da súa propiedade, solicitou sen éxito ao Concello a paralización. Recorreu a unha notaria que certificou a súa propiedade e que enviou o 19 de outubro un requirimento ao Concello que non tivo resposta.
Preguntado por estas cuestións, o alcalde admite que o Concello aínda non conta coa escritura de propiedade dos terreos, o que atribúe a "un trámite a maiores que se foi retrasando". O rexedor asegura que o Pleno do Concello e o secretario municipal certificaron a cesión do terreo realizada polo particular e atribúe o conflito a un enfrontamento persoal con ese cidadán.
Pérez Blecua foi concelleiro do BNG antes de ser elixido alcalde en 2019 cunha agrupación de electores. Porén, durante ese mandato afiliouse ao PP e nas eleccións do pasado maio encabezou a lista dese partido, coa que logrou manterse no cargo.