O conselleiro de Educación bate na Coruña coa indignación polas deficiencias nos colexios

Román Rodríguez diríxese a familias mobilizadas do CEIP de Prácticas CC-BY-SA Praza Pública

Á súa chegada, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, foi abordado por un grupo de pais e nais indignados. Familias do alumnado do CEIP de Prácticas da Coruña que levan anos mobilizadas polas graves deficiencias do centro escolar e ás que un novo incidente volveu rebordar a súa paciencia. Hai tan só uns días, parte dunha cornixa da Normal, espazo da UDC que comparte instalacións co colexio, caeu sobre o patio fóra do horario escolar. 

A caída de cascotes no CEIP de Prácticas, por segunda vez en menos de dous anos, indigna as familias que levan todo este tempo reclamando unha reforma integral que non chega

"Levamos moito tempo agardando por unha solución... ata que pase algo"; "van varias advertencias, puido caer enriba dun neno"; "non foi casualidade". Pais e nais amosaron o seu fastío nun ambiente de tensión. Hai case dous anos, outra caída de cascotes na entrada da Normal, ao pé da porta principal do colexio, reactivou as mobilizacións ante a situación do centro. Importantes problemas de humidades con afectación á saúde, pingueiras e filtracións directas de auga nas aulas, ventás que impiden o illamento térmico, mal estado da instalación eléctrica —que mesmo obrigou ao desaloxo dunha clase—, mobiliario desgastado ou solos afundidos son algunhas das principais eivas. 

Familias do CEIP de Prácticas da Coruña, reprochando ao conselleiro de Educación as eivas no edificio do colexio, este 17 de setetembro CC BY-NC-SA Praza.gal

Tras as protestas, as tres administracións implicadas na xestión do centro —Xunta, Universidade da Coruña e Concello— acordaron que era necesaria unha reforma integral, máis aló dos pequenos arranxos urxentes que se acometeron nos últimos meses. Pero nada se sabe desa reforma. 

O conselleiro prometeu, ante a presión das familias, que se encargará, que se prevé un investimento de 2 millóns de euros e mesmo puxo datas, xa no interior do colexio e só ante os medios: o curso 2028/29 debería estar rematada a obra, que comezaría no vindeiro mes de xuño. Será un proxecto de rehabilitación integral "que afecte o tellado, as infraestruturas internas, os equipamentos e as ventás". 

Con todo, Rodríguez argumentou ante as familias que a primeira condición para iniciar estas obras é a renovación do convenio coa UDC para a cesión das instalacións, algo que "xa se está negociando". Desde a ANPA lembran que o convenio de colaboración entre universidade, Xunta e Concello leva caducado desde 2022 e aínda non foi renovado malia as súas demandas, e que o proxecto de reforma leva comprometido moitos meses sen noticia ningunha. 

Román Rodríguez promete agora unha reforma integral que estaría finalizada no curso 2028/29 pero aclara que é preciso renovar o convenio de cesión coa UDC

"A licitación será inmediata", insistiu Rodríguez sobre un edificio do que sinalou as súas peculiaridades, xa que é propiedade da Universidade, xestionado pola Consellería de Educación e cuxo mantemento depende do Concello. 

Precisamente, a falta de mantemento por parte da administración local é unha dos argumentos que emprega a Xunta para xustificar as graves eivas deste e doutros centros da cidade, mentres que o Concello reclama desde hai meses á Consellería que actúe, sinalando o seu desleixo e advertindo de reformas que chegan a outros municipios pero non ao coruñés. "Reunídevos e amañádeo, non imos decidir nós de quen depende cada cousa", dixeron este mércores as familias ante Román Rodríguez. 

Román Rodríguez diríxese a familias mobilizadas do CEIP de Prácticas CC-BY-SA Praza Pública

"Hai que poñerse mans á obra", reclamaron pais e nais. "Estamos moi desilusionados porque volvemos ter promesas no aire, sen prazos e sen sinatura", dixo Paula unha das membros do ANPA, que sinala o temor e a indignación das familias tras unha nova caída de cascotes e a falta de solucións. 

"Prometéusenos que neste ano 2026 iamos ter boas novas, estamos en setembro e seguimos igual", explicou tras advertir do "risco" que corren nenos e persoal do centro ao "convivir cunha situación de insalubridade total". 

"Unha solución xa"

"O colexio precisa dunha reforma integral; non podemos agardar a que pase algo grave. Que senten as tres administracións e busquen unha solución xa", insistiu, entre a rabia e o temor. "Non pasou unha desgraza nestes días porque os cascotes caeron nun momento no que non había rapazada debaixo", lembraron varias familias. 

A ANPA amosa o seu fastío tras anos de promesas, advirte do risco a que "pase algo grave" e denuncia a "situación de insalubridade total" para alumnado e profesorado

A UDC, coñecido o incidente de hai uns días, levou a cabo unha actuación de emerxencia, eliminando todas os elementos que puidesen presentar risco de caída sobre unha zona na que adoita haber rapazada nos recreos. O seu reitor, Ricardo Cao, asegura que xa enviou "varias propostas" a Educación respecto do futuro convenio.

O conselleiro prometeu, ademais, mandar nestes días técnicos do seu departamento para avaliar a posibilidade de actuacións urxentes. Logo, nunha visita ao centro e xa só ante os medios, puxo datas a esa reforma integral que demandan desde hai anos pais e nais. "Desde o Goberno galego non imos esperar máis", difundiu Román Rodríguez.

Obras no edificio da Normal da UDC, lindeiro co CEIP de Prácticas, tras a caída de cascotes CC-BY-SA Praza Pública

Segundo explicou, as obras empezarían no vindeiro mes de xuño, aproveitando os meses de vacacións para acelerar as actuacións, e que continuarían durante todo o curso seguinte coa intención de que no 2028/29 a reforma integral estea completada. Falta saber agora como se compatibilizarán esas obras coa actividade lectiva e, sobre todo, como reclama a ANPA, coñecer con garantía os prazos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.