O Estado dá marcha atrás e recorre para evitar pagar aos Franco polo Pazo de Meirás

A xuíza Marta Canales entrega as chaves do Pazo de Meirás á avogada xeral do Estado, Consuelo Castro, o 10 de decembro de 2020 © TSXG

O Estado rectifica e anuncia que si recorrerá o ditame que certificou que o Pazo de Meirás é público pero no que se obrigaba a indemnizar os herdeiros de Franco polos gastos útiles e necesarios que a familia do ditador tería feito desde 1975. 

O Goberno central advirte de que descubriu no ditame "erros de interpretación ou alteracións sobre as pretensións exercitadas na demanda"

Malia que o Ministerio de Xustiza anunciara hai quince días que non recorriría ante o Supremo por motivos estritamente xurídicos, e tras acadar a principal pretensión de reverter para o público o inmoble, a Avogacía do Estado muda agora o criterio. Explicouno o Executivo central nun breve comunicado no que advirte de que descubriu "erros de interpretación ou alteracións sobre as pretensións exercitadas na demanda" e logo dun "estudo detallado dos fundamentos da sentenza". 

Fachada do Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o comunicado do Goberno central, a sentenza "afirma erroneamente que a Administración Xeral do Estado recoñecera na súa demanda a boa fe dos herdeiros do ditador e de aí extráense unha serie de conclusións que non se corresponden coa realidade". 

O Executivo central asegura que a Audiencia Provincial "afirma erroneamente que o Estado recoñecera na súa demanda a boa fe dos herdeiros do ditador"

O Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática cre que a interpretación do Supremo e a corrección destes erros permitirán "sentar con claridade e precisión as bases para a posterior liquidación do estado posesorio". Razón pola que decide finalmente recorrer, a poucos días de que rematase o prazo. 

O polémico ditame da Audiencia Provincial deixa claro que a inacción e desleixo do Estado, en plena democracia e durante máis de 40 anos, en todo o que tivo que ver co Pazo de Meirás é unha das causas que provoca que agora, segundo o criterio dos maxistrados, os Franco poidan ser indemnizados pola Administración. Os xuíces lembran que as administracións trataron como "donos" do inmoble aos herdeiros do ditador durante décadas. 

O Estado únese así á decisión de recorrer que xa tomaran os concellos de Sada e da Coruña ou a Deputación

Desde que se fixo público o ditame da Audiencia Provincial, o Concello de Sada anunciou a súa indignación e advertiu da súa intención de recorrer, unha decisión á que se uniron logo o Concello da Coruña e a Deputación, desmarcándose da negativa do Estado, que recibiu duras críticas das asociacións pola memoria histórica e de diversas formacións políticas. 

Os historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo presentaron o pasado sábado máis de 3.000 sinaturas na Delegación do Goberno para solicitar que o Estado presentase un recurso ante o Supremo. Mesmo desde o PSdeG xurdiron varias voces críticas coa inicial negativa do Executivo central. 

Imaxes dalgúns dos bens do inventario do Pazo de Meirás CC-BY-SA Inventario do Pazo de Meirás - Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Gonzalo Caballero, secretario xeral dos socialistas galegos, declarouse "moi satisfeito" de que se "exploren todas as posibilidades xuriídicas" para que non haxa que pagar aos Franco a indemnización que pretenden. Ademais, advertiu de que mantivo durante días "contacto" co secretario de Estado de Memoria Democrática para abordar unha decisión finalmente satisfactoria tamén para o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, ou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey. 

A Xunta, pola súa banda, continúa sen mollarse logo de asegurar que acabaría adheríndose á decisión que tomase o Estado e tras anunciar Feijóo o pasado luns que tanto o seu goberno como o do Estado analizaban xa as opcións que había de recorrer. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.