O Estado tomba un eólico en zona de expansión do oso a carón de Trevinca no que a Xunta non vía tanto problema

Imaxe da contorna de Pena Trevinca e mapa e fragmento da declaración de impacto ambiental negativa emitida polo ministerio CC-BY-SA Imaxes: Xunta e Ministerio para a Transición Ecolóxica | Montaxe: Praza Pública

Os aeroxeradores estarían en León pero varios quilómetros da conexión eléctrica atravesarían Valdeorras

O Ministerio para a Transición Ecolóxica publica este mércores no Boletín Oficial del Estado unha resolución coa que formula declaración de impacto ambiental desfavorable para dous parques eólicos que na práctica configurarían unha única instalación de oito aeroxeradores en León cuxa liña de conexión eléctrica, de preto de 30 quilómetros, atravesaría os concellos galegos de Carballeda de Valdeorras e Rubiá. Os aeroxeradores situaríanse entre vario espazos naturais protexidos de León e Galicia, a carón de Pena Trevinca.

Mapa co emprazamento dos aeroxeradores en León e a liña eléctrica ata Valdeorras entre diversos espazos naturais protexidos © Ministerio para a Transición Ecolóxica

O ministerio considera que "aínda que o proxecto non afecta directamente a ningún espazo da Rede Natura 2000, está emprazado entre eles e presenta afeccións a especies que son obxecto de conservación de ditos espazos". Ademais está nunha zona de expansión do oso pardo. Así, o documento sinala que en Galicia a liña de evacuación estaría a 4 quilómetros ao norte do espazo protexido de Pena Trevinca e a 4,1 quilómetros da Serra da Enciña da Lastra.

A resolución do ministerio recolle as consideracións formuladas por diversas administracións, entre elas pola Xunta. Segundo reflicte, "a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia considera compatible o proxecto coa preservación do patrimonio natural e a biodivesidade, en relación coas infraestruturas a desenvolver en Galicia". 

Efectos dos incendios en Pena Trevinca, Serra do Eixe e Segundeira, entre Ourense e Zamora o 30 de agosto de 2025 © Pedro Armestre / Greenpeace

A resolución reflicte que a Xunta só advertiu dun posible efecto "apreciable" sobre a aguia real 

O documento reflicte que a Xunta só advertiu dun posible efecto "de forma apreciable" sobre a poboación galega de aguia real. Porén, a resolución do ministerio estende as afeccións a outras especies presentes na contorna como a tartaraña cincenta, o miñato real ou a charrela cincenta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.