O funcionariado galego tende á sanidade pública coa Policía e o persoal xubilado como feudos da privada

Atención a un docente nunha UCI do CHUAC e gráficos das cifras de Muface en Galicia CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

"Muface non é unha opción", pero si o é elixir sanidade pública ou privada, subliña a CIG nun informe que revela as cifras actuais en Galicia da mutua do funcionariado en pleno debate sobre a súa continuidade

A negativa das aseguradoras privadas Adeslas, DKV e Asisa a renovar os contratos coa Mutualidad General de Funcionarios Civiles del Estado (Muface) disparou o debate sobre a continuidade deste sistema herdado do tardofranquismo. E tamén sobre a súa principal incoherencia política: que unha parte relevante do persoal público sexa atendido pola sanidade privada mediante financiamento tan público coma o propio persoal.

Con este pano de fondo e mentres continúa a incerteza sobre o que sucederá coa renovación ou non dos contratos, a Confederación Intersindical Galega vén de divulgar un amplo informe que permite coñecer non só a anatomía numérica de Muface en Galicia, actualizando a información que o propio sindicato xa fixera pública con cifras correspondentes a decembro de 2023. Tamén que o funcionariado en activo tende cada vez máis á sanidade pública, mentres que a Policía e o persoal xubilado emerxen como feudos da privada.

Subliña a CIG, sindicato maioritario en Galicia tanto a nivel xeral como na Administración, que calquera análise debe ter en conta que "Muface non é unha opción para o funcionariado civil do Estado", pero que esa "opcionalidade" si existe "na prestación sanitaria, que pode ser proporcionada pola sanidade pública ou por aseguradoras privadas". E dentro desa posibilidade de elixir, o corpo funcionarial con máis peso dentro de Muface, o profesorado tanto da Consellería de Educación como das universidades, xa opta maioritariamente polo Servizo Galego de Saúde e non polas aseguradoras privadas.

Case o 60% do profesorado do ensino público galego acode á sanidade pública mentres a primacía da privada se dispara a un 90% nos policías. No persoal docente que aprobou as oposicións nos últimos catro anos a elección do Sergas chega ao 85%

Concretamente, o 59% dos máis de 27.000 profesores e profesoras do ensino público galego con condición funcionarial de carreira optan pola sanidade pública e a proporción elévase ao 65% entre o persoal funcionario docente das universidades, colectivo de algo máis de 3.000 profesionais. A opción pola pública é aínda máis relevante, destaca a CIG, entre o profesorado que aprobou as oposicións de Educación en Galicia nos últimos catro anos: o 85,2% das incorporacións foron ao Sergas: 5.475 novos docentes na pública e 954, na privada.

Fronte á primacía da sanidade pública no persoal docente, a privada é a opción esmagadoramente preferida por outros corpos funcionariais. Así, por exemplo, máis do 70% das máis de 5.000 persoas que traballan en Galicia na Administración Xeral do Estado ou en Correos acoden á privada e a porcentaxe dispárase por riba do 90% entre funcionarios policiais.

Como amosan os gráficos que acompañan a presente información, os datos obtidos pola CIG amosan ás claras como colectivos profesionais como Policía ou funcionariado da Administración Xeral do Estado so os principais feudos da privada dentro de Muface ao falarmos de persoal activo. Pero o seu principal reduto é o persoal funcionario xubilado. Así, en conxunto, a sanidade pública xa é maioritaria no funcionariado activo (51% para un colectivo de máis de 39.000 persoas pero a privada copa tres de cada catro persoas entre mutualistas xa xubilados (73% sobre un total de algo máis de 26.000 persoas).

Máis do 70% do persoal funcionario xubilado en Galicia segue optando pola sanidade privada

Todo isto dá lugar a un cadro xeral de 65.610 mutualistas "obrigatorios" de Muafce en Galicia dos que algo máis de 38.000 reciben atención sanitaria pola privada e pouco máis de 27.000, polo Sergas. Ao agregar na conta as persoas beneficiarias (fundamentalmente, crianzas ou parellas que non cotizan) o caro xeral é actualmente de algo máis de 91.000 persoas cun 58% de atención sanitaria privada que segue primando, como amosan as cifras, fundamentalmente por mor do persoal xubilado.

Este cadro demográfico é clave, coida a CIG, para entender a "presión voraz das aseguradoras médicas" a respecto de Muface, a cal tenderá a "aumentar". Isto sucederá, sinalan, porque a "parte principal das persoas que optan pola atención privada" son tamén o colectivo de maior idade. O avellentamento é unha das explicacións do conflito e a outra, resalta o sindicato, é que "tres de cada catro docentes de nova incorporación optaron pola sanidade pública no conxunto do Estado", cunha proporción aínda maior no noso país.

O colectivo máis numeroso -o profesorado- de mutualistas vai cada vez máis á pública e ademais, detallan, o descenso da natalidade fai que tamén haxa menos pacientes beneficiarios, perdendo a privada "outra fonte de ingresos" en Muface. "Só se manteñen altas porcentaxes de fidelidade nas empresas privadas en colectivos que, sendo numericamente relevantes, son porcentualmente moi minoritarios". E deste xeito, Adeslas, Asisa e DKV non van ver "satisfeito" o lucro que buscan manter.

A CIG pide ao Goberno de España e ás autonomías "reflexións" sobre un sistema que "só se manterá sobre a base de sangrar os recursos públicos" e reclama máis fondos para o Sergas se finalmente todo o funcionariado pasa á sanidade pública

Todas estas cifras, coida a CIG, deberían "levar á reflexión" ao Goberno de España e ás autonomías "sobre o futuro dun sistema que, de se manter, só será sobre a base de sangrar os recursos públicos e sen ningunha garantía de continuidade". Neste sentido, o "comportamento mesquiño das entidades privadas nas últimas semanas, empregando como reféns a mutualistas" -mesmo "denegando citas e probas", destacan-, unido a cuestións máis estruturais como as súas negativas a atender "enfermidades graves que requiren gastos importantes", fai que a CIG coide que "chama poderosamente a atención que publicamente, e máis dende o ámbito sindical, se defenda a estas empresas".

Dende a posición de que "o sistema público de saúde é a mellor opción", a CIG insta a que un posible "paso de todo o funcionariado ao sistema público" non sexa "realizado con improvisación", senón "garantindo os dereitos do persoal" e cun "incremento de fondos públicos con carácter finalista para o Sergas". "Se, como resultado da polémica actual, o goberno estatal mantén o sistema dual, sen fixar un control rigoroso sobre as empresas privadas, viviremos un novo capítulo do que levamos vendo desde hai anos: redución de cadros médicos nas entidades privadas, derivación á pública en casos graves, empeoramento da atención, provocando que o incremento que poidan obter as aseguradoras vaia para o seu lucro empresarial e non para as persoas usuarias do servizo", advirten.

Presentación do informe da CIG sobre as cifras de Muface en Galicia, este 16 de decembro CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.