O galego, "axeitado" para o Comité das Rexións, non para ser oficial na UE

Alfonso Rueda e Francisco Conde nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente evita valorar o voto contra o uso do galego en Europa dunha ex-presidenta do Parlamento e dun ex-vicepresidente da Xunta salientando que el si o falará esta semana nun órgano consultivo de pouco peso

O Comité das Rexións é un órgano consultivo da UE con pouco peso na decisións comunitarias en comparación co Consello, a Comisión ou o Parlamento europeos. É o órgano no que está representada directamente a Xunta de Galicia. E é, segundo o presidente Rueda, "un ámbito axeitado" para o uso do galego. Pola contra, falar nos outros órganos comunitarios a lingua propia de Galicia, un dos tres idiomas cooficiais nun dos estados membros da UE, é para o presidente unha cuestión que supera a súa capacidade de valoración política.

Rueda e Pilar Rojo, ex-presidenta do Parlamento, nunha imaxe de arquivo © Parlamento de Galicia

A pasada semana dous destacados ex-altos responsables políticos galegos -a ex-presidenta do Parlamento Pilar Rojo e o ex-vicepresidente da Xunta Francisco Conde- votaron no Congreso xunto con Vox para pedir que o galego non sexa oficial na UE, como asegura que está a negociar o Goberno de España. Este luns Rueda foi preguntado por eses votos de Rojo e Conde, se lle parece adecuado o que fixeron dúas persoas con moi altas responsabilidades no pasado de Galicia e como encaixa esa decisión na súa defensa dun novo pacto polo galego. 

Rueda aproveitou a súa axenda oficial para evitar responder ás preguntas reiteradas sobre a actuación dos deputados populares. Porque esta semana o presidente participará en Bruxelas nun encontro do Comité das Rexións, e alí avanzou que ten a intención de "intervir en galego". Un feito que non ten nada de extraordinario, xa que o foro de representación rexional da UE permite desde hai anos intervir en linguas rexionais. 

O ex-vicepresidente Conde ordena a votación e participa co seu "si" na aprobación da iniciativa de Vox contra o uso do galego, catalán e éuscaro na UE, este 13 de febreiro na Comisión Mixta para a UE das Cortes

Así que este luns Rueda, ante a pregunta sobre a negativa de Rojo e Conde a que o galego sexa oficial na UE, respondeu que el é partidario de falar galego "onde sexa posible e axeitado", e para el "o Comité das Rexións é un lugar axeitado". "Outra cousa son recoñecementos oficiais, temas de estatus, que a min se me escapan", engadiu o líder popular, que adoita opinar de moitas outras cuestións cando é preguntado.

Porén, sobre o galego como idioma oficial na UE o presidente é esquivo. "Eu non quero entrar", di, xa que "recoñecementos oficiais a nivel da UE corresponden a outros esquemas de funcionamento".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.