O PP secunda a Vox con dous votos galegos para pedir que a lingua galega non sexa oficial na UE

O ex-vicepresidente Francisco Conde, intervindo durante un pleno do Congreso como deputado do PP © Congreso dos Deputados

O ex-vicepresidente Conde e Pilar Rojo, anterior presidenta do Parlamento, apoian a proposta na que a extrema dereita insta o Goberno de España a "cesar nos seus esforzos" por lograr a oficialidade na UE das linguas oficiais diferentes do castelán

Dende o inicio da actual lexislatura estatal o Goberno de España accedeu, no marco dos acordos do PSOE con forzas soberanistas para a investidura de Pedro Sánchez, a retirar restricións ao uso das linguas oficiais diferentes do castelán onde aínda estaban limitadas ou vetadas. Foi paradigmático o caso do Congreso dos Deputados, onde foi posible utilizalo 46 anos despois ao aprobarse unha reforma do Regulamento defendida por José Ramón Gómez Besteiro, líder do PSdeG e na altura deputado na Cámara Baixa.

En paralelo, o Executivo de Sánchez comprometeuse a tentar que galego, éuscaro e catalán puidesen acadar rango de oficialidade nas institucións da Unión Europea. Neste tempo, varios departamentos gobernamentais realizaron xestión para lograr un obxectivo que actualmente semella encallado, entre outros aspectos porque varios Estados membros temen sentar un precedente para outros idiomas. E, no caso do Parlamento Europeo, polo "non" das dereitas.

O ex-vicepresidente Conde ordena a votación e participa co seu "si" na aprobación da iniciativa de Vox contra o uso do galego, catalán e éuscaro na UE, este 13 de febreiro na Comisión Mixta para a UE das Cortes

Con este pano de fondo, a Comisión Mixta para a UE, un órgano conxunto de Congreso e Senado que aborda asuntos comunitarios que atinxen ás Cortes Xerais, tratou unha proposición non de lei formulada por Vox para instar o Goberno de España a "cesar de maneira inmediata nos seus esforzos por establecer a oficialidade das linguas rexionais españolas nas institucións da Unión Europea". A iniciativa, que non é vinculante alén do seu evidente significado político, saíu adiante grazas aos votos do PP. Entre eles, dous votos galegos.

Taboadela (PSOE) ve "un escándalo" que o PP apoie a iniciativa mentres "enreda cun pacto pola lingua" en Galicia

Dáse a circunstancia de que esa comisión está presidida por Francisco Conde, quen fora vicepresidente primeiro da Xunta ata que Alberto Núñez Feijóo o levou consigo a Madrid e antes, un dos asesores de maior confianza do ex-presidente do Goberno galego. E nela tamén senta Pilar Rojo, conselleira en tempos de Fraga, presidenta do Parlamento de 2009 a 2016 e actualmente senadora pola provincia de Albacete, circunscrición na que a situou o partido nas últimas eleccións xerais -anteriormente foi senadora por Pontevedra-. Ambos votaron a prol.

Os populares, que emendaron a iniciativa do partido da extrema dereita por un motivo "meramente técnico" para "adecuala ao contido estrito do texto da Constitución", defenderon o seu "non" a través de Luisa Fernanda Rudi. Quen fora presidenta do Congreso e da comunidade autónoma de Aragón argumentou que a cuestión das linguas oficiais non está entre "os principais problemas da UE" nin é "un asunto prioritario" máis que para "o Goberno socialista e a súa precaria estabilidade". Vox previamente atribuíra a cuestión á "subordinación" do PSOE aos "grupos separatistas".

A socialista Obdulia Taboadela censura o apoio do PP á iniciativa de Vox

A postura socialista foi defendida por parte de Obdulia Taboadela, deputada pola Coruña. Taboadela, que interveu en galego, considerou un "escándalo" que o PP se sume a Vox nesta iniciativa mentres en Galicia "enreda cun pacto pola lingua que parece ter como único obxectivo ocultar a dramática caída de falantes". Con esta postura, sinala, os populares provocan que a Xunta sexa "o único Goberno dunha autonomía con lingua propia que vota en contra de que os seus cidadáns a poidan falar co resto das administracións", afondando no rexeitamento "sistemático" que, censura, tamén aplicaron ao seu uso no Congreso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.