Máis marxe gobernamental para limitar a comunicacións por internet con Catalunya como implícito pano de fondo. O Boletín Oficial do Estado publicou este 5 de novembro o Decreto Lei que, aprobado polo Goberno de España en Funcións no seu penúltimo Consello antes das eleccións xerais do 10N, introduce pola vía de urxencia novas restricións dende este mesmo 6 de novembro. Entre elas, o peche de sitios web por orde xudicial por máis motivos dos que o podía facer ata agora.
Como informou Eva Belmonte para Civio, o texto aprobado polo Executivo central modifica sen pasar polo Congreso -dado o seu carácter urxente- seis leis e mais un Decreto anteriores. Como avanzara o propio Pedro Sánchez en días previos, en referencia aos seus plans para limitar movementos do independentismo catalán en internet, o texto obriga a que os servidores que conteñan determinados datos persoais que fosen recompilados polas administracións públicas estean aloxados en servidores europeos agás en casos permitidos por acordos internacionais.
Dende este 6 de novembro o Goberno central pode pechar sen audiencia previa calquera servizo de comunicación dixital público ou privado no caso do que define como "ameaza grave e inmediata para a orde pública", entre outros motivos
Pero, alén disto, permite o peche sen audiencia previa nin mediación xudicial de calquera servizo de comunicación dixital público ou privado no caso do que define como "ameaza grave e inmediata para a orde pública". De feito, a obriga non é só para gobernos e as empresas que contratan con eles, senón para calquera servizo ou rede de comunicacións dixitais. Concretamente, atinxe a "calquera infraestrutura, recurso asociado ou elemento a nivel de rede".
Estas facultades que o Goberno de España se atribúe a si mesmo non son novas, senón que amplían as xa existentes. Ata agora xa podía ordenar o cesamento cautelar e sen audiencia previa de calquera tipo de comunicación dixital -agás as de medios xornalísticos, regulados por outras normas" por razóns de seguridade pública, protección civil, emerxencias, defensa da vida humana ou interferencia con outras redes. pero agora as razóns son moito máis amplas: engádese "ameaza inmediata e grave para a orde pública" e a "seguridade nacional" e a referencia a "vida humana" é remudada por "saúde pública".
Pero hai máis. No mesmo decreto engádese outra xustificación para o peche de sitios web pola vía rápida. O Goberno central poderá facelo cando "creen graves problemas económicos ou operativos a outros provedores ou usuarios de redes ou servizos de comunicacións electrónicas ou demais usuarios do espectro radioeléctrico"
Datos persoais públicos en servidores europeos
No que atinxe estritamente ás Administracións, a nova norma obriga a que estean aloxados en servidores europeos -nalgúns casos, só en territorio do Estado- todas as bases de datos ou recursos que xestionen información do censo, padróns, outros rexistros de poboación, datos fiscais, datos do Sistema Nacional de Saúde ou tratamento deses datos persoais.
As Administracións teñen seis meses para mover a servidores europeos as bases de datos con informacións como censos, padróns e datos fiscais ou sanitarios
Agás en casos contemplados por tratados internacionais específicos, todas as administracións públicas teñen seis meses para cumprir estas novas obrigas. Isto é, todas as entidades públicas que teñan aloxados en servidores fóra da UE este tipo de datos ou sistemas de identificación de cidadáns españois teñen seis meses para movelos.
Aínda que o Decreto Lei non menciona especificamente a Catalunya, a cuestión catalá é o pano de fondo evidente para novas restricións que, non obstante, atinxen ao conxunto da cidadanía do estado. Así, a aprobación destas medidas pola vía rápida está xustificada no texto por, entre outras razóns, "os recentes e graves acontecementos acaecidos en parte do territorio español", pero sen aclarar a cales se refire.