Economía e planificación urbana, benestar social e fomento e promoción da cidade. Eses son os tres grandes piares nos que se basea a nova estrutura do goberno municipal da Coruña coa que a alcaldesa Inés Rey pretende afrontar "a segunda gran modernización da cidade".
A rexedora presentou o novo executivo local, encabezado por ela e con once concelleiros socialistas, logo da investidura do pasado sábado co apoio do BNG e tras a decisión dos socialistas de volver gobernar en solitario. Inés Rey, quen asumirá as áreas de Barrios, Axenda Urbana e Proxectos Europeas, así como a relación con outras administracións, debullou este luns a composición do gobreno, os seus integrantes e cadansúas atribucións.
Inés Rey asumirá as áreas de Barrios, Axenda Urbana e Proxectos Europeas e a relación con outras administracións; Lage Tuñas volverá ser tenente de alcaldesa e voceiro municipal
José Manuel Lage Tuñas, número dous da lista do PSOE nas eleccións municipais, volverá ser o portavoz municipal e primeiro tenente da alcaldesa. Ademais, farase cargo da Concellaría de Economía e Planificación Urbana, tendo responsabilidade en Economía e Facenda. Será, xa que logo, quen dirixirá es primeira grande área das tres que adiantou Rey e será quen, ademais, se encargue de fixar a postura do Concello sobre a fachada marítima e o futuro dos terreos portuarios.
Desta área de Economía e Planificación Urbana dependerá a Concellaría de Innovación Tecnolóxica, Cidade das TIC e Aesia, Mobilidade e Infraestruturas. Á fronte, Nereida Canosa, número cinco nas listas socialistas e que debutará no goberno local. Tamén se incluirá Urbanismo, Rehabilitación, Vivenda e Edificación, da que se encargará Fran Díaz Gallego, que repite como membro do goberno nun posto semellante ao do anterior mandato.
Noemí Díaz, pola súa banda, estréase para ser a nova concelleira de Medio Ambiente, Xestión de Residuos e Limpeza, mentres que Montserrat Paz -que tamén debuta no executivo- será quen asuma as competencias en Interior e Atención Cidadá, Seguridade Cidadá e Tráfico.
A segunda gran área, a do Benestar Social, será coordinada por Yoya Neira, segunda tenente de alcaldesa e vicevoceira que continuará asumindo as competencias de Benestar Social, Participación e Igualdade. Desta área dependerán Educación e Emprego, competencias asumidas por Juan Ignacio Borrego, que tamén repite no goberno municipal.
Gonzalo Castro será concelleiro de Cultura, Memoria Histórica e Normalización e coordinará a área de Fomento e Promoción da cidade
A terceira área será a de Fomento e Promoción da cidade, coordinada por Gonzalo Castro, terceiro tenente de alcaldesa, número catro da lista do PSOE local e que xa fora director de área de Alcaldía e coordinador xeral no anterior mandato. Será concelleiro de Cultura, Memoria Histórica e Normalización Lingüística.
Así, nesta área, de Gonzalo Castro dependerán Manuel Vázquez, responsable de Deportes e Promoción da Vida Saudable, que agora terá concellería propia; e Diana Sobral, concelleira de Turismo, Comercio, Mercados, Hostalería e Relacións Institucionais.
Inés Rey defendeu Rey defendeu que a nova estrutura permitirá mellorar a coordinación do goberno local e asegurar que se dá resposta aos grandes retos da cidade. "Dende hoxe mesmo o novo Goberno local comeza a traballar nesa segunda gran modernización da Coruña" concluíu.