O Parlamento abriu este martes formalmente o prazo para que os grupos parlamentarios presenten as súas propostas para cubrir as tres prazas que corresponden á Cámara galega no Senado. Como marca o Estatuto de Autonomía, estes nomeamentos deben realizarse no inicio de cada lexislatura estatal, pero o PP fixo valer a súa maioría absoluta para adiar o proceso practicamente un mes.
No seo dos populares existe unha evidente tensión sobre a cobertura das prazas no Senado que lles tocan, dúas das tres. Débese ao gran número de cargos do partido que perderon os seus postos institucionais tras as as eleccións xerais, aos que se sumaron os dirixentes que perderon as súas responsabilidades nos concellos unha vez confirmada a composición dos gobernos locais. Pero este feito está a ficar nun segundo plano político e mediático por mor do enfrontamento desencadeado no grupo de En Marea para cubrir a praza que lle corresponde no Senado como segunda formación do Parlamento, o cal vén de derivar na reclamación das actas parlamentarias ao sector crítico por parte da dirección do partido.
Se finalmente o grupo parlamentario de En Marea racha perderá a súa condición de segundo grupo do Parlamento e con ela, o dereito a elixir un posto no Senado
Este tirapuxa a respecto da elección está a acelerar a previsible ruptura do grupo e dando tamén lugar a unha situación paradoxal. Se finalmente o grupo parlamentario de En Marea racha perderá a súa condición de segundo grupo do Parlamento -ten os mesmos 14 escanos que o terceiro, pero máis votos nas eleccións de 2016- e, con ela, o dereito a elixir un posto no Senado por designación do Parlamento de Galicia. O liderado simbólico da oposición e con el, o escano na Cámara Alta, pasarían ao PSdeG.
Este é o pano de fondo co que se produciron os últimos desencontros. Despois de que o sector crítico do grupo -membros de Podemos, EU e Anova- celebrase a pasada semana unha votación que tivo como resultado designar para esta praza a José Manuel Sande, ex-edil do goberno da Marea Atlántica na Coruña, a dirección de En Marea como partido desautorizou este movemento, no que viu unha "imposición de Podemos". Resaltou ademais que aínda que a proposta inicial do Consello das Mareas fora a profesora Mariló Candedo, o propio Luís Villares trasladara unha segunda opción "de consenso", o do actual deputado Manuel Lago, que este rexeitou.
O sector crítico do grupo parlamentario votou a proposta de Sande e apostou por formalizala ante o Parlamento, o que para a dirección de En Marea supón un "incumprimento grave"
Tras aquela primeira votación, os críticos desenvolveron outra este pasado luns, ás portas da celebración da Xunta de Portavoces que este martes abriu oficialmente os trámites para a elección da representación galega no senado, votación que está prevista para o pleno da semana que vén. O prazo remata o venres.
O resultado foi de novo Sande e, ao ser maioritaria no grupo -malia algunha abstención e a non participación do sector de Villares-, o sector crítico apostou por formalizala ante a Mesa do Parlamento, trámite que ordinariamente realiza e asina o voceiro, neste caso Luís Villares. Fixérono tras unha consulta aos servizos xurídicos da Cámara sobre o xeito de tramitalo, recollendo nunha acta que a maioría do grupo apoia a proposta.
A dirección de En Marea confirma a "suspensión de militancia" e a petición de renuncia ás actas aos oito deputados que participaron na votación
A través dun comunicado a dirección de En Marea considerou a posición desta "parte das deputadas do grupo parlamentario" como un "incumprimento grave" do "acordo que cada unha delas asinou" no inicio da lexislatura, no que "se comprometían a actuar sempre no nome de En Marea e en ningún caso representando intereses diferentes". A propia coordinadora, tras reunirse este martes, confirmou a súa decisión ao respecto a través da súa vicevoceira, Ana Seijas: "suspender de militancia" e reclamar que abandonen a súas actas os oito deputados que impulsaron a proposta de Sande e participaron neste sentido na votación cuxo resultado queren formalizar ante o Parlamento. Se non atenden esta primeira petici´ón, reclaman que "abandonen o grupo parlamentario" porque non están a "representar" a formación pola que foron elixidos, acusan para sinalar o que definen como "un acto claro de transfuguismo".
Alén desta petición orgánica, quedan varios interrogantes sobre a mesa: cal será a proposta que o Parlamento dea por válida no caso de seren rexistradas a de Candedo e Sande e, sexa cal for, se chegará a ser votada en pleno, xa que se trataría dun escenario inédito e dun baleiro regulamentario. Do mesmo xeito, resta por coñecer se tras o ultimato da dirección de En Marea como partido se produce a escisión do grupo e, nese caso, cales dos seus membros seguen formando un grupo parlamentario -cómpre un mínimo de cinco escanos- e cales pasan ao Mixto. En calquera dos dous escenarios, o dereito a elixir o terceiro senador sería para o PSdeG.