Sen rematar aínda os traballos pendentes tras a ampliación da ponte de Rande, agora farase un apartadeiro de emerxencia en cada sentido no acceso á cidade que obrigará a cortar carrís durante as noites
O decreto co que o Goberno de España aprobou o pasado xullo as novas rebaixas de peaxes na AP-9, incluída a gratuidade do treito entre Redondela e Vigo para quen teñan telepeaxe, deixou claras as previsións do Ministerio de Transportes de que tanto esas medidas como a recente apertura do centro comercial Vialia ligado á nova estación intermodal da cidade “incrementarán a intensidade de tráfico no acceso a Vigo desde a autoestrada AP-9V”, o ramal que chega ao centro da cidade. Para paliar ese risco de conxestións anunciou unha serie de traballos que agora, apenas medio ano despois, xa pon en marcha.

Desde a medianoite deste domingo 16 ao luns 17, e durante varias noites máis de luns a venres durante un prazo que non se concreta, cortaráse o carril dereito do ramal de acceso a Vigo nos dous sentidos da circulación á altura do seu punto quilométrico 1,5 para facilitar os traballos de construción de dous apartadeiros de emerxencia, un a cada beira da autoestrada, que se poidan empregar no caso de futuras conxestións ou accidentes.
Ademais, o ministerio tamén “asumirá outra serie de actuacións complementarias de seguridade viaria na AP-9, tales como a instalación de pórticos de información variable e medidas de control do tráfico”.
Estas novas obras no acceso a Vigo chegan cando aínda non están rematadas diversas actuacións pendentes tras a ampliación de carrís da autoestrada entre o Morrazo e o ramal de entrada á cidade malia que os presidentes Rajoy e Feijóo a inauguraron hai agora xa catro anos.

Hai medio ano o ministerio xa preveu que a posibilidade de ter que ampliar novamente a capacidade da autoestrada en Vigo, para o que Audasa debería elaborar un estudo de alternativas
Por outra banda, o propio ministerio admitiu hai medio ano a posibilidade de que estas actuacións que agora comezarán non sexan suficientes para garantir a axilidade do tráfico no acceso a Vigo. No decreto publicado daquela xa establece que “no caso de que xurda a necesidade de aumentar a capacidade da autoestrada aos efectos de minorar os tempos ou treitos de conxestión e recuperar niveis de servizo desta, ou de executar calquera outra actuación nos treitos de acceso á vía ou no tronco da mesma, elaborarase por parte de Audasa un estudo de alternativas que permita avaliar a súa execución”.