O estudo de viabilidade para reactivar a liña pechada hai 40 anos entre León e Plasencia deberá analizar expresamente "a posible captación de tráficos" de corredores como o Madrid-Galicia
O 1 de xaneiro de 1985 quedaron pechadas ao tráfico tanto de viaxeiros como de mercadorías varias liñas ferroviarias en toda a Península que o Goberno de Felipe González consideraba deficitarias, entre elas a denominada da Ruta da Prata entre Astorga e Plasencia. Agora o Ministerio de Transportes vén de sacar a concurso a elaboración dun estudo de viabilidade para a posible reactivación dese corredor ferroviario que facilitaría a comunicación de Galicia co sur peninsular sen pasar polas conxestionadas vías de Madrid. Porén, ese estudo, para o que dedica case un millón de euros, non estará rematado ata dentro de dous anos.

O peche ao tráfico de hai catro décadas supuxo o progresivo abandono e mesmo o desmantelamento nalgúns treitos de arredor de 330 quilómetros de vías que unían directamente as localidades de Astorga, Benavente, Zamora, Salamanca, Béjar e Plasencia. Agora o estudo que vai encargar o ministerio quere analizar non só a posible recuperación do trazado histórico senón tamén "un número suficiente de alternativas de trazado que posteriormente serán comparadas baixo consideracións técnicas, económicas, medioambientais e de explotación". Para iso farase un estudo de demanda e outro de rendibilidade socioeconómica.
O estudo deixa aberta a posibilidade de que o novo corredor remate no extremo norte en Astorga, onde remataba a liña pechada hai catro décadas, ou en León. E durante o seu trazado deberán definirse as súas conexións coa rede actualmente en servizo, en especial en Zamora e Salamanca, así como no seu remate, en Plasencia

O estudo deberá formular "unha liña compatible con tráfico mixto" de viaxeiros e mercadorías e poderá propoñer a súa implantación por fases
Segundo os pregos de condicións do concurso que agora se convoca para elaborar o estudo, "se ben a elaboración de alternativas de trazado para o corredor ferroviario proposto ten un ámbito restrinxido ao traxecto entre Plasencia e o ámbito de León, o estudo funcional e de demanda a realizar debe incluír un ámbito maior, practicamente a metade oeste peninsular, pois debe analizar a posible captación de tráficos a outros corredores ferroviarios", entre os que cita o "Madrid-Galicia".
Isto é, o estudo deberá analizar a posible funcionalidade dunha nova liña ferroviaria entre León e Plasencia para captar tráficos de Galicia co sur peninsular sen pasar polos nós ferroviarios máis conxestionados de Madrid, por onde deben encamiñarse na actualidade.
Un dos condicionantes a estudar será que parte do trazado pechado hai 40 anos foi transformado en vías verdes
Ademais, o estudo deberá formular "unha liña compatible con tráfico mixto: viaxeiros e mercadorías", neste último caso con capacidade para trens de cando menos 740 metros de lonxitude. Igualmente, o estudo deberá formular distintas alternativas de velocidade en función dos trazados posibles así como valorar se a infraestrutura debera contar con vía única ou dobre.
Ademais, un dos condicionantes a estudar será que parte do trazado pechado hai 40 anos foi transformado en vías verdes para ciclistas e peóns que haberá que respectar ou repoñer en paralelo.

Finalmente "co conxunto de alternativas para o corredor ferroviario proposto se poderá propoñer a súa implantación progresiva ou por fases, debendo, neste caso, definir os investimentos a realizar en cada fase".