O Ministerio de Igualdade investiga o uso de fondos para a violencia machista nunha "cea para mulleres" en Cerdedo-Cotobade

Cartel da "cea para mulleres" investigado polo Ministerio de Igualdade CC-BY-SA Praza Pública

O evento inclúe o logotipo de diversas administracións e o ministerio condena "todas aquelas actividades que banalizan as políticas públicas para erradicar a violencia de xénero"

O Ministerio de Igualdade informou este venres de que está a investigar o uso de fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero nunha "cea para mulleres" que se está a organizar para o vindeiro 4 de maio en Cerdedo-Cotobade. O ministerio condena "todas aquelas actividades que banalizan as políticas públicas para erradicar a violencia de xénero" e analizará o caso para retirar o seu financiamento se este se confirma xa que entende que o obxectivo do pacto "non encaixa en modo algún cunha cea lúdico festiva con djs e karaoke". O ministerio pide tamén "máxima colaboración" a todas as administracións para "facer o mellor uso dos fondos" do pacto.

Cartel da "cea para mulleres" investigado polo Ministerio de Igualdade CC-BY-SA Praza Pública

O cartel da "cea para mulleres provincia de Pontevedra" de Cerdedo-Cotobade divulgado polo propio ministerio co seu comunicado sinala que o evento está organizado pola Federación pola Igualdade da Provincia de Pontevedra (Femupo). No apartado habitualmente dedicado aos patrocinadores ou colaboradores o cartel inclúe os logotipos, imaxes ou escudos da Xunta, o ministerio, o propio Pacto de Estado contra a violencia de xénero, o Concello de Cerdedo-Cotobade e a Deputación de Pontevedra.

Segundo o comunicado divulgado polo ministerio, "a violencia de xénero é a vulneración sistemática dos dereitos das mulleres" e "a súa erradicación compete a toda a sociedade e moi especialmente a todas as administracións públicas". "De aí", engade, "que os fondos do pacto de Estado contra dite violencia estean destinados a concienciar e sensibilizar á sociedade en igualdade, respecto, convivencia e loita contra a violencia machista". 

A ministra de Igualdade, Ana Redondo, na presentación da campaña do seu ministerio para o pasado 8M © Ministerio de Igualdade

O ministerio pide "máxima colaboración" a todas as administracións para "facer o mellor uso dos fondos" do pacto

O ministerio lembra que "as actividades que se financien con cargo a estes fondos deben enmarcarse, necesariamente, nalgún dos eixos e medidas previstos para as Entidades Locais" no pacto, polo que o caso será estudado e "de cofinanciarse a citada cea con fondos do Pacto de Estado, considerarase a actividade non financiable de xeito que non se poderá imputar aos fondos do Pacto de Violencia de Xénero e solicitarase de forma inmediata a retirada dos logos do Pacto de Estado, do Ministerio de Igualdade e do Goberno de España".

O ministerio remata condenando "todas aquelas accións ou actividades que banalizan as políticas públicas para erradicar a violencia de xénero polo que chegaremos ata as últimas consecuencias para frear este tipo de prácticas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.