O Ministerio de Sanidade ficha unha das responsables do Sergas imputada por homicidio no caso da hepatite

Doentes de hepatite protestan no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

O Ministerio de Sanidade fichou a unha dos dous altos cargos da Xunta de Galicia imputados por homicidio imprudente por atrasar fármacos da hepatite C "por razóns orzamentarias" a seis pacientes que acabaron morrendo. Carolina González-Criado, a quen se investiga ademais por un delito de prevaricación nun xulgado de Santiago e que ocupou durante os últimos anos o posto de subdirectora xeral de Farmacia, deixa o Goberno galego para incorporarse ao Ministerio que dirixe Dolors Montserrat.

O seu primeiro labor será realizar un estudo sobre a área farmacéutica -iso é o que figura no cesamento a petición propia na Consellería de Sanidade que se fará efectivo á volta de Semana Santa- pero fontes do Ministerio admiten que o seu destino definitivo será o posto de subdirectora xeral de Calidade do Medicamento en substitución de Carlos Lens. De momento, incorpórase ás ordes da directora xeral de Farmacia do Ministerio, Encarnación Cruz, que tomou posesión o pasado maio.

O primeiro labor de González-Criado será realizar un estudo sobre a área farmacéutica, pero fontes do Ministerio admiten que o seu destino definitivo será o posto de subdirectora de Calidade do Medicamento

Fontes da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia admiten que "marcha a petición propia, cedida para a realización dun estudo relacionado coa área farmacéutica" pero aseguran que non teñen noticias sobre se despois se incorporará á organigrama do Ministerio.

Carolina González-Criado é unha personaxe clave no sumario do caso da hepatite que se investiga no xulgado de instrución número 3 de Santiago polo seu papel nos procesos que atrasaron os tratamentos desta enfermidade en Galicia, segundo o escrito inicial do Ministerio Público, "por razóns orzamentarias". Trátase da primeira causa penal aberta en España por mortes supostamente relacionadas cos recortes na área de sanidade.

A cargo da Xunta segue imputada tras declarar na causa aberta que se segue no xulgado número 3 de Santiago e na que figuran informes de médicos que alertaron os seus superiores de que varios hospitais galegos estaban a prescribir fármacos "non adecuados" a pacientes con hepatite por non dispor do Sovaldi, un medicamento que daquela tiña un prezo moi alto.

A denuncia da Fiscalía partiu dos escritos presentados por médicos do Sergas que trataban doentes de hepatite e que ratificaron eses testemuños ante o xuíz

O caso nacera  dunha denuncia da Fiscalía, adiantada por eldiario.es, que partiu dos escritos presentados por varios médicos da sanidade galega que trataban a enfermos de hepatite e que ratificaron eses testemuños ante o xuíz.

O sumario detalla como desde a administración galega na que González-Criado era a subdirectora xeral de Farmacia atrasáronse os tratamentos para tentar que varios deles fosen asumidos gratuitamente por un laboratorio privado que se ofreceu a financiar os medicamentos para 300 pacientes en toda España. Tres dos pacientes morreron sen recibir os medicamentos que os seus médicos lles recetaran. A outro tres chegáronlles demasiado tarde.

Tanto González-Criado como o outro alto cargo do Servizo Galego de Saúde investigado, Félix Rubial, rexeitaron ante o xuíz en febreiro de 2017 que se negase o tratamento do Sovaldi a ningún dos pacientes que acabaron perdendo a vida. En realidade, polo que están a ser investigados é polas demoras na aplicación deses fármacos, que segundo a Fiscalía e a acusación foi a causa que orixinou os falecementos. Tras escoitar os argumentos dos dous mandos do Goberno galego, o xuíz do caso mantivo a imputación.

A denuncia, adiantada por eldiario.es, levantou un gran rebumbio en Galicia, onde a oposición reclamara insistentemente o cesamento da anterior conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, aos mandos do sistema de saúde cando sucederon os feitos, e dos dous altos cargos investigados. O presidente, Alberto Núñez Feijóo, sempre apoiou a eses mandos do seu Goberno e mesmo chegou a dicir que lle parecía ilóxico que "por dous ou tres pacientes" se vinculasen esas mortes ás súas políticas de austeridade.

González-Criado, captada en imaxes da TVG antes de declarar nos xulgados de Santiago © CRTVG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.