O Parlamento incumpre desde hai 3 anos a obriga de contar cun Plan de Igualdade

O Parlamento incumpre desde hai 3 anos a obriga de contar cun Plan de Igualdade © Parlamento de Galicia

A Lei de Igualdade impulsada en 2007 polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero foi reformada en 2020 para ampliar, en función do número de persoas empregadas, a obriga de que unha empresa ou entidade conte con Plan de Igualdade. Coas nova esixencias, con 70 traballadores, o persoal co que conta o Parlamento de Galicia, o Plan de Igualdade debería estar en vigor desde comezos de 2022, hai case tres anos. Porén, a Cámara galega aínda non o aprobou.

Unha escultura nos xardíns do Parlamento de Galicia © Parlamento de Galicia

Malia que a normativa di que os plans deben elaborarse desde o comezo en negociación coa representación do persoal, a Cámara encargou a unha consultora externa un documento que os sindicatos invalidaron

A reforma legal de 2020 estableceu que as empresas con entre 101 e 150 persoas empregadas deberían contar con Plan de Igualdade antes do 7 de marzo de 2021, mentres que as empresas entre 50 e 100 traballadores debían ter o plan antes do 7 de marzo de 2022. A lei tamén estableceu que quen tivese un plan previo debía adaptalo ás novas esixencias antes do 14 de xaneiro de 2022. En todos os casos, a normativa estableceu que a elaboración do plan debe iniciarse como moito 3 meses despois do momento en que se acade a cifra de empregados correspondente, debe facerse desde o comezo de xeito negociado coa representación do persoal e o plan debe estar aprobado como moito un ano despois de iniciarse dita negociación.

En Galicia a Xunta cumpriu e conta co seu Plan de Igualdade negociado cos sindicatos, aínda que nas súas empresas públicas a situación da paridade nas direccións segue empeorando. Pero no caso do Parlamento de Galicia, a Cámara presentou a comezos de 2023 á representación dos traballadores un plan xa elaborado que encargou a unha consultora externa. A representación do persoal rexeitouno e obrigou o Parlamento a iniciar o proceso de cero, como establece a normativa de Igualdade.

Despachos da Presidencia do Parlamento de Galicia © Parlamento de Galicia

O Parlamento di que o documento presentado a comezos de 2023 aos sindicatos, cos que tiña que negociar desde antes, era só un "borrador" que "contou co apoio dunha empresa especializada na asistencia técnica a proxectos de plans de igualdade"

A resposta oficial que dá o Parlamento ao seu incumprimento é que o plan xa elaborado presentado aos sindicatos en febreiro de 2023 era un "borrador" para "iniciar" xunto con eles "a preceptiva negociación". Documento que segundo esa versión oficial foi realizado "por unha comisión paritaria da que formaron parte funcionarias representantes da Administración parlamentaria e funcionarias representantes do persoal elixidas en asemblea, e contou co apoio dunha empresa especializada na asistencia técnica a proxectos de plans de igualdade".

Porén, esa representación do persoal non foi recoñecida polos sindicatos, que obrigaron a cumprir desde o principio coas prescricións legais para a elaboración dos plans de igualdade. O Parlamento non di nada da data na que espera contar co seu Plan de Igualdade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.