O Parlamento non quere que o Consello de Contas o vixíe

Toma de posesión hai un ano de Juan Carlos Aladro como conselleiro maior do Consello de Contas, na imaxe co presidente da Xunta e a Mesa do Parlamento daquel momento CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Cámara nunca rendeu contas ao ente fiscalizador pero este, designado por ela, vén de incluíla entre institucións incumpridoras e inicioulle unha auditoría, ao que os grupos parlamentarios néganse por unanimidade 

O Consello de Contas é o órgano fiscalizador das contas públicas das administracións galegas. Designado polo Parlamento de Galicia, a Cámara nunca lle rendeu contas malia que hai normativa que establecía que si debía facelo. En marzo Contas emitiu un informe no que identificou entidades ou institucións incumpridoras dalgunha obriga de información contable, entre as que citou o Parlamento de Galicia como unha das que non lle remitía os seus contratos públicos. Contas tamén decidiu facer este 2024 unha primeira auditoría específica do Parlamento. Porén, o Parlamento, co acordo unánime dos representantes de PP, BNG e PSdeG, vén de modificar expresamente o seu regulamento de réxime orzamentario e contable para eliminar del un artigo que obrigaba a enviar as súas contas ao Consello de Contas.

Fontes dos grupos parlamentarios implicadas na decisión reducen a importancia da modificación incidindo en que é unha corrección técnica do regulamento porque non se axustaba ao previsto na lei do Consello de Contas, que non contempla expresamente que fiscalice ao Parlamento. Unha fiscalización que argumentan que tampouco se fai noutras comunidades, malia que nalgunha si, e que non tería sentido por parte dunha entidade que é designada e depende precisamente do Parlamento. Pola contra, Contas pretendía este 2024 "dar un primeiro paso en común" na fiscalización do Parlamento cun informe específico cuxo auditor responsable técnico sería Jesús Oitavén, que foi alto cargo dos gobernos de Feijóo e Rueda durante década e media ata o pasado abril.

Características da primeira auditoría que Contas pretendía realizar este 2024 ao Parlamento de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

A lei do Parlamento de Galicia que desde 1985 regula o Consello de Contas sinala que este depende directamente da Cámara, que designa os seus conselleiros, cinco, por maioría reforzada de tres quintos e para un período de seis anos, para garantir a súa independencia. Isto na práctica vén facendo que, con maiorías absolutas do PP, esta formación designa tres conselleiros mentres que BNG e PSdeG designan os outros dous. Desde hai un ano o conselleiro maior de Contas é Juan Carlos Aladro, antes fiscal xefe de Pontevedra e amigo do presidente Alfonso Rueda.

A lei do Consello de Contas tamén sinala de xeito expreso as entidades que a efectos da súa fiscalización compoñen "o sector público" galego, entre as que se cita "a administración xeral da comunidade autónoma", os seus entes paralelos, concellos ou universidades. Non aparece na lista o Parlamento, pero no Regulamento de réxime interior do Consello de Contas, aprobado tamén pola propia Cámara en 2017, indícase que "o Parlamento de Galicia remitiralle ao Consello de Contas as súas contas xerais antes do 30 de xullo do ano seguinte ao do exercicio económico ao que correspondan, para a súa fiscalización." Tamén o Regulamento de réxime orzamentario e contable do propio Parlamento, aprobado en 2003, sinala que as contas da Cámara "seranlle enviadas ó Consello de Contas de Galicia".

En decembro Contas comunicou ao Parlamento, co seu Plan de Traballo para 2024, a súa intención de facerlle unha auditoría específica, á cuxa fronte estaría un ex-alto cargo de Feijóo e Rueda

Malia esas normas, Contas nunca auditou o Parlamento, pero é agora cando o Parlamento vén de corrixir o seu Regulamento de réxime orzamentario e contable para exclusivamente borrar o artigo que di que as súas contas "seranlles enviadas ó Consello de Contas". Faino despois de que o pasado marzo Contas incluíse expresamente o Parlamento entre as entidades públicas galegas que incumpren obrigas de fiscalización. Uns meses antes, en decembro, Contas xa comunicara ao Parlamento o seu Plan Anual de Traballo para 2024 no que incluíu, entre as actuacións programadas, a "fiscalización das contas xerais do Parlamento de Galicia".

Sede do Consello de Contas de Galicia, nas proximidades do Parlamento de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

A intención de Contas era "dar un primeiro paso en común por parte do Parlamento de Galicia e do Consello de Contas de Galicia na fiscalización dos documentos xurídico-contables xerados polo desenvolvemento da súa actividade", para o que se ampararía no establecido no Regulamento de réxime interior do propio Consello de Contas aprobado polo Parlamento. Faríao, sinalaba, "respectando en todo caso a súa singularidade funcional, así como a súa autonomía organizativa e de xestión". E permitiría "amosar á cidadanía a colaboración permanente entre as institucións do ámbito autonómico". 

A responsabilidade técnica desa fiscalización recaeu en Jesús Oitavén Barcala, agora auditor do Consello de Contas tras ser secretario xeral de Educación da Xunta de Feijóo durante unha década e director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa desde 2000 ata abril deste ano.

Pero fronte a esa intención de Contas agora chega a decisión do Parlamento de modificar o seu regulamento para que deixe de ser unha obriga algo que nunca cumpriu. Unha decisión tomada pola Mesa do Parlamento nunha reunión o 30 de xullo "de acordo coa Xunta de Portavoces". Nos dous órganos da Cámara, nos que tamén están presentes representantes de BNG e PSdeG, o PP ten maioría, pero fontes nacionalistas e socialistas ratifican que a decisión foi tomada por unanimidade, tamén por parte da vicesecretaria socialista da Mesa, Patricia Iglesias, que antes de ser elixida deputada o pasado febreiro era letrada maior do Consello de Contas.

Conselleiros de Contas na toma de posesión de Aladro como conselleiro maior hai un ano CC-BY-SA Xunta de Galicia

A argumentación de fondo na que coinciden as fontes consultadas nos grupos parlamentarios é que non ten sentido que un ente designado polo Parlamento o fiscalice, que tampouco se fai noutras comunidades (aínda que si nalgunhas, como Navarra), que a transparencia da Cámara coas súas contas e as dos grupos na súa web é moi grande, e que en todo caso o artigo do regulamento sería contraditorio coa lei do Consello de Contas, polo que entenden a corrección do primeiro como "técnica". Non hai resposta, en todo caso, á pregunta de por que esa corrección se fai agora despois de dúas décadas nas que ese artigo non tivo efectos prácticos.

O acordo agora acadado polos grupos xustifica que "o control externo do Parlamento está garantido con plenitude" polos artigos da Constitución que fan referencia ao Tribunal de Cuentas estatal

A argumentación formal que se inclúe na decisión do Parlamento publicada no Diario Oficial de Galicia é que a modificación quere evitar "unha incorrecta interpretación" ante unha normativa de rango superior, a Lei do Consello de Contas, que fixa os entes a fiscalizar "entre os que, loxicamente, non se encontra o Parlamento". Faino sinalando que en todo caso "o control externo do Parlamento de Galicia está garantido con plenitude polas previsións dos artigos 153.d) e 136 da Constitución. E o que fan eses dous artigos é remitir ao Tribunal de Cuentas estatal, "supremo órgano fiscalizador das contas e da xestión económica do Estado, así como do sector público". Un Tribunal de Cuentas que fiscaliza mesmo á Casa Real pero non o fixo nunca co Parlamento de Galicia porque as súas funcións asúmeas en Galicia o Consello de Contas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.