A Xunta amplía a súa Dirección de Simplificación Administrativa con tres postos máis de libre designación

Unha oficina de atención á cidadanía da Xunta CC-BY-SA Xunta

O Goberno galego xustifica a medida no incremento de queixas e peticións de transparencia por parte da cidadanía e no control de posibles fraudes nos novos fondos europeos

A Dirección Xeral de Simplificación Administrativa da Xunta, encadrada dentro da Consellería de Facenda, ten entre as súas funcións traballar para a “racionalización do sector público” e lograr que sexa “eficiente”. Entre outras cuestións, o resto de consellerías teñen que pedirlle un informe específico cada vez que queren ampliar, reducir ou reestruturar os seus postos de traballo (as denominadas Relacións de Postos de Traballo, ou RPT). 

Pero agora é a propia Dirección de Simplificación Administrativa a que vai ampliar os seus propios postos con tres cargos de libre designación, medida que xustifica no incremento de queixas e peticións de transparencia por parte da cidadanía e no control de posibles fraudes nos novos fondos europeos.

Fragmento da memoria xustificativa dos tres novos postos por libre designación CC-BY-SA Praza Pública

A ampliación de postos na Dirección de Simplificación Administrativa, a cuxa fronte está desde 2020 Jesús Oitavén, antes secretario xeral de Educación, prodúcese no marco dunha reforma da RPT de toda a Consellería de Facenda. A memoria xustificativa que a consellería remitiu aos sindicatos detalla a creación dunha subdirección xeral de Análise e Estudos “con forma de provisión de libre designación” que xustifica nunha maior carga de de traballo na vixilancia e auditoría doutros departamentos da Xunta encargados de xestionar os fondos europeos de recuperación.

A memoria xustificativa da modificación da RPT tamén di que se precisa “dedicar persoal de apoio ao Sistema de Atención á Cidadanía, que tanto no número de queixas como no de solicitudes de información pública experimentou un elevado incremento nos últimos tres anos”. Por iso, di, “considérase necesaria a creación de dous postos de xefatura de sección que presten a colaboración técnica que precisa o persoal auditor e analista no ámbito das funcións de avaliación, auditoría e investigación sobre o funcionamento dos servizos públicos”. Funcións que para Facenda “xustifican” a elección do sistema de libre designación para cubrir eses dous postos de xefatura de sección.

Jesús Oitavén, director de Simplificación Administrativa desde 2020, tras ser secretario xeral de Educación CC-BY-SA Xunta de Galicia

Ademais destas mudanzas na Dirección de Simplificación Administrativa, a modificación da Relación de Postos de Traballo que tramita a Consellería de Facenda tamén inclúe outras varias creacións de postos de libre designación ou mudanzas de anteriores postos cuxa forma de provisión era a de concurso específico e que agora serán por libre designación. 

Ese será o caso de sete postos na Intervención Xeral da Xunta nos seus servizos centrais (ademais cada consellería ten a súa propia Intervención) con cometidos de supervisión das contas que requirirían dunha independencia reforzada a respecto da que xa se esixe a todo funcionario público. Na anterior RPT a súa forma de provisión era por concurso específico e agora serán de libre designación.

Entre os cambios que tramita a Xunta tamén hai sete postos da Intervención Xeral cuxa forma de provisión pasará de concurso específico a libre designación, figura sobre a que CSIF reclama un maior control

Ante estas mudanzas e a proliferación de postos de nova creación coa libre designación como forma de provisión o sindicato CSIF reclama un maior control desa figura e que non se argumenten para eles requisitos como que xa ten que cumprir calquera empregado público.

Por outra banda, as mudanzas na RPT da Consellería de Facenda, da que depende precisamente a Dirección Xeral de Función Pública, chegan despois de que o propio Goberno galego veña de regular os concursos específicos con sete anos de demora e reservándose amplas marxes de discrecionalidade. O último informe específico do Consello de Contas sobre o xeito en que a Xunta xestiona o seu persoal, de finais de 2021, sinalaba que había 2.700 funcionarios en postos outorgados por libre designación ou en comisións de servizo sen motivación suficiente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.