O ente fiscalizador non só lembra anualmente as recomendacións pendentes de cumprir de exercicios anteriores senón que dá conta tamén das que a Xunta rexeita expresamente
O pasado venres, como habitualmente en datas de verán que reducen a súa visibilidade, o Consello de Contas entregou no Parlamento os seus informes anuais sobre as administracións galegas. Neles volve constatar que a Xunta, como os concellos, ten pendentes de cumprir diversas recomendacións formuladas en anos anteriores, e mesmo identifica que recomendacións non son aceptadas expresamente polo Goberno galego, que rexeita cumprilas.
Malia constar por escrito eses rexeitamentos expresos da Xunta, este mércores, na toma de posesión do novo conselleiro maior do Consello de Contas, o ex-fiscal xefe de Pontevedra Juan Carlos Aladro, Rueda asegurou que "a Xunta de Galicia sempre por suposto ten en conta o que lle di un órgano tan importante como o Consello de Contas".

Fronte a afirmación do presidente da Xunta, os informes de Contas recollen cada ano as recomendacións de anos anteriores "aceptadas e pendentes de aplicación" e as "recomendacións non aceptadas" polo Goberno galego. Só no caso do informe sobre a conta xeral da Xunta, sen ter en conta outros informes sectoriais, o divulgado o venres recolle cinco recomendacións de anos anteriores pendentes de aplicar e catro rexeitadas expresamente pola Xunta.
Entre estas últimas o Goberno galego vén negándose a avaliar os efectos das súas rebaixas de impostos, a formular unha estimación sobre os custos que poden ter os procesos xudiciais nos que está implicado ou mesmo a facilitar a Contas un acceso en tempo real ao sistema contable da propia Xunta.

En 2019, despois de que Contas criticase como "residual" o aforro logrado polos gobernos de Feijóo ao reducir a administración paralela, o daquela presidente chegou a cargar directamente contra os procedementos de fiscalización dese ente. Ante a ausencia dun rexistro da Xunta sobre os organismos da administración paralela, petición reiterada de Contas, este ente fiscalizador tivo que recorrer a un listado do Estado para facer o seu traballo.
Feijóo chegou a menosprezar un informe do ente fiscalizador asegurando que "sabemos máis na Xunta"
Despois, ao constatar Contas que o aforro fora "residual", a Xunta tentou nas súas alegacións que borrase esa conclusión. Non o logrou, así que finalmente cando o informe se fixo público e se preguntou a Feijóo sobre as críticas de Contas a súa resposta foi que "de administración paralela en Galicia sabemos máis na Xunta”.
Porén, mesmo naquela ocasión Feijóo recoñecía que a Xunta non cumpre todas as recomendacións de Contas. Naquel 2019 o daquela presidente cifraba no 22% as “recomendacións que non nos parecen axeitadas” e gabou que “se cumprimos co 78%, seguro que haberá causas nas restantes”. “Eu creo nas maiorías”, xustificouse. Agora, pola contra, Rueda di que a Xunta "sempre" ten "en conta" as recomendacións.