Máis dun ano sen Comisión de Contas: "O PP bloquea para ocultar as súas chapuzas", alerta o BNG

Noa Presas, voceira do BNG en materia de Facenda no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

A Comisión Permanente non Lexislativa para as Relacións co Consello de Contas é o órgano do Parlamento que se encarga de examinar os informes do órgano fiscalizador das finanzas públicas galegas, así como de emitir recomendacións para o seu traballo. A última vez que se reuniu foi hai máis dun ano, o 13 de abril de 2023, e aínda non retomou a súa actividade aínda que, como todas as demais comisións da Cámara, está constituída para a nova lexislatura baixo a presidencia do deputado do PP Borja Verea.

A comisión para as relacións co Consello de Contas non se reúne dende abril de 2023

Este sábado o BNG puxo o foco sobre esa parálise a través dunha das súas cinco representantes na comisión, Noa Presas, voceira de Facenda no seu grupo parlamentario. Tal tardanza, explica, xa provoca que estean pendentes de ser avaliados uns 25 informes do Consello de Contas. E débese, coida a formación soberanista, a que o PP ten especial interese en "ocultar información" e que "non se vexa a chapuza da súa xestión".

Última reunión celebrada ata o momento da Comisión para a Relación co Consello de Contas, no Parlamento o 13 de abril de 2023 © Parlamento de Galicia

Presas ve "escandaloso" que "o PP aínda non  teña activada esta comisión" cando os informes pendentes abordan "temas tan importantes como as contas do Sergas, a xestión dos fondos europeos ou as peaxes na sombra". Pero tamén as fiscalizacións específicas "sobre o impacto da pandemia da COVID no ámbito de contratación do Sergas", onde "o Consello de Contas atopou tanto irregularidades como actuacións que non se axustan á lei".

Entre os informes pendentes de avaliar están os que tratan os contratos de emerxencia da COVID ou o que acredita que a Xunta paga de máis polas autoestradas con peaxes na sombra, subliña a deputada Noa Presas

Boa mostra do traballo pendente, engade, é que a afastada reunión de abril de 2020 "deu lugar á aprobación en pleno da Conta Xeral de Galiza de 2020" e que non houbese novas convocatorias fai que "estea pendente aínda o debate e aprobación da Conta Xeral de 2021", que o Consello "remitiu en xullo do ano pasado". Tamén a de 2022, enviada recentemente.

"A convocatoria de eleccións -resalta a parlamentaria nacionalista- non xustifica que esta comisión non estea sequera prevista". No PP, reprocha, "moito falan de rexeneración democrática, pero impiden que haxa transparencia" e evitan, concreta a ourensá, que se poidan debater informes como o que "concluíu que a Xunta paga 44 millóns de euros de máis polas autovías con peaxe na sombra" ou o que vén de poñer cifras actualizadas aos gastos do Sergas con empresas sanitarias privadas.

Fragmento dun dos últimos informes entregados polo Consello de Contas ao Parlamento, esixindo máis transparencia e control público na empresa creada pola Xunta con Abanca para captar fondos europeos CC-BY-NC-SA Praza.gal

Por todo isto, conclúe Presas, o BNG disponse a rexistrar unha petición formal para que a Comisión de Contas se convoque decontado. "O compromiso do Bloque é coa transparencia, o rigor e o traballo que nos encomendaron os galegos e galegas como líderes da oposición", remata.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.