O peso da renda na orientación do voto: canto máis rico é o barrio, máis apoios á dereita

Enseada da Coruña CC-BY-SA Santi Villamarín

Dous factores (en ocasións ligados entre si) determinan habitualmente o voto: a idade e a renda dispoñible. Para o conxunto de Galicia, a idade media nun concello semella unha das principais claves, á vista dos resultados nas últimas décadas, cun maior dominio do PP canto máis envellecido é o lugar. Porén, para a Galicia urbana é a riqueza relativa dos seus barrios o factor que mellor explica o dominio dunha ou doutra forza nun determinado lugar.

Unha análise dos datos en conxunto amosa unha relación directa entre o nivel de renda dun determinado barrio e nivel de apoio a PP e, sobre todo, a VOX e Ciudadanos

Cruzando os datos da renda media dispoñible por sección censual e os resultados nas últimas eleccións xerais e municipais en cada barrio podemos ver algunas constantes, que despois (sobre todo nos comicios municipais, tamén se ven matizadas por elementos da política local).

Nas eleccións xerais do pasado 28 de abril o PSOE foi a forza máis votada nas sete cidades galegas e fíxose coa vitoria en case dúas de cada tres seccións censuais, tamén en boa parte daquelas cunha maior renda bruta dispoñible (en parte pola división do voto da dereita entre PP, Ciudadanos e VOX). Porén, unha análise dos datos en conxunto amosa unha relación directa entre o nivel de renda dun determinado barrio e nivel de apoio a PP e, sobre todo, a VOX e Ciudadanos. En cambio, canto máis rico é un barrio, a porcentaxe de voto para PSdeG-PSOE e En Común foi máis reducida. O voto ao BNG (baixo nestes comicios) non semella experimentar esta relación, nun sentido ou noutro.

Naqueles barrios máis envellecidos a porcentaxe de voto a PP e VOX aumenta considerablemente

O cruce destes mesmos datos coa idade media en cada barrio amosa igualmente unhas certas relacións entre o maior ou menor porcentaxe de apoio a unha forza política e a maior ou menor xuventude ou avellentamento de cada zona, pero as tendencias non son tan acusadas. O voto a En Común é maior nas áreas urbanas con máis poboación máis nova, e o mesmo sucede co de BNG e, moi lixeiramente, co do PSdeG-PSOE. O voto a Ciudadanos non experimenta grandes cambios por idade. E, en cambio, naqueles barrios máis envellecidos a porcentaxe de voto a PP e VOX aumenta considerablemente.

Eleccións municipais

Podemos facer esta mesma análise cos datos das eleccións municipais do pasado mes de maio. As tendencias xerais mantéñense (barrios máis ricos votan máis á dereita, barrios máis pobres votan máis á esquerda), porén aquí entran en xogo en cada lugar as dinámicas locais. Hai que ter en conta, igualmente, que nestes comicios o PP si foi quen de concentrar moito máis o voto conservador, cunha presenza case testemuñal de VOX e un resultado para Ciudadanos máis reducido que nas xerais celebradas un mes antes.

O PP foi o partido máis votado nas 20 seccións censuais da Coruña con maior nivel de renda. Pola contra, o PSdeG impúxose con claridade nas 10 seccións con menor riqueza

Así, temos que o PP foi o partido máis votado nas 20 seccións censuais da Coruña con maior nivel de renda. E fixo o mesmo nas 20 seccións máis ricas de Ferrol. Tamén dominou en 9 das 10 seccións censuais máis podentes de Ourense, en 9 das 10 con máis renda de Lugo e en 7 das 10 en Compostela. As excepcións foron Pontevedra, onde o BNG gañou en 8 das 10 seccións con máis renda dispoñible, e Vigo, onde o PSdeG-PSOE de Abel Caballero foi a forza máis votada en todas as rúas da cidade, independentemente do seu nivel de renda.

O caso da Coruña é paradigmático. PP (30,34%) e PSdeG-PSOE (30,02%) practicamente igualaron os seus resultados, coa Marea Atlántica nun 20,23%, BNG no 7,16% e Ciudadanos no 5,8%. Porén, nas dez seccións censuais con maior nivel de renda, o Partido Popular non só foi o máis votado, senón que duplicou os votos dos socialistas, superando o 50% nos máis deles. Marea Atlántica e BNG estiveron por debaixo da porcentaxe obtida no conxunto da cidade e Ciudadanos estivo lixeiramente por riba.

En cambio, nas dez seccións censuais con menor nivel de renda da cidade, o PSdeG-PSOE impúxose con claridade en todas, con porcentaxes entre o 31% e o 43%, ficando o PP por debaixo do 30% en todas menos unha.

Outro excelente exemplo témolo en Ferrol. Alí o PP ficou ás portas de acadar a maioría absoluta, cun 41,35% dos votos e doce puntos máis que o PSdeG-PSOE. Porén, ese dominio afianzouse naquelas zonas máis podentes da cidade, nas que os populares superaron o 50% en moitos casos, fronte a resultados dos socialistas entre o 20 e o 30%. En cambio, nas seccións censuais con menor nivel de renda, os datos de ambos os dous partidos foron moi semellantes e o PSdeG mesmo obtivo a vitoria en varias destas zonas. De igual xeito, na gráfica pode verse como Ciudadanos obtivo máis porcentaxe nas áreas máis ricas da cidade que nos barrios con menos ingresos, zonas que foron determinantes para que ficase sen representación. 

Outro exemplo pode ser o de Ourense, onde o PSdeG-PSOE foi a forza máis votada, cun 26,33%, fronte ao 22,57% do PP. En cambio, nas sete seccións con máis renda da cidade, os populares superaron os socialistas por unha diferenza entre os 10 e os 16 puntos.

En Lugo a tendencia a relación renda-voto é tamén visible. Os populares obtiveron un 31,91% no conxunto da cidade, fronte a un 25,97% do PSdeG, un 16,36% do BNG e un 8,2% de Ciudadanos. Nas seccións con maior renda (situadas no centro e barrios residenciais próximos) o PP imponse con claridade, mellorando o seu dato global en case todas elas e superando o PSdeG-PSOE por amplas porcentaxes (agás nunha delas). Os socialistas obteñen cifras moi inferiores ao seu dato no conxunto do Concello, o BNG rexistra resultados moi dispares e, finalmente, Ciudadano si mellora claramente nos barrios máis ricos o seu resultado global

Os casos de Pontevedra, Compostela e Vigo son máis complexos e as relacións entre renda e voto non son tan claras coma nas outras catro cidades. Porén, as tendencias son as mesmas. En Santiago, por exemplo, o voto a Compostela Aberta e BNG foi maior naqueles barrios con menor renda, ao contrario do que sucedeu co PP e con Ciudadanos; no PSdeG-PSOE non houbo relación directa entre os dous parámetros.

En Vigo, o esmagador dominio de Abel Caballero dificulta as análises. Con todo, a pesar do moi baixo resultado acadado polo Partido Popular (13,69%), os datos amosan que nos barrios con menor renda as súas porcentaxes foron aínda máis baixas e que so conseguiu subor do 20% naquelas zonas máis podentes. En cambio, o PSdeG acadou os seus mellores resultados nos barrios máis pobres, superando o 70% na maior parte das seccións censuais con rendas medias inferiores aos 10.000 euros.

Finalmente, Pontevedra é a cidade con tendencias menos claras neste senso. O PSdeG obtén os seus mellores resultados nas seccións con menor renda, o mesmo que o PP. Pola contra, BNG e Ciudadanos rexistran os seus mellores datos nos barrios máis ricos, que corresponden co centro da cidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.