O PP rexistra a marca Galicia Suma a semellanza da Navarra Suma coa que se coaligou con Ciudadanos

Rexistro da marca Galicia Suma por parte do secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, o pasado 25 de xullo CC-BY-SA Praza Pública

O secretario xeral, García Egea, solicitou á Oficina de Patentes nomes similares para as 17 comunidades autónomas ao tempo que dirixentes populares apelan á unión das dereitas mentres en Galicia aspiran a seguir gobernando en solitario

O pasado 25 de xullo, o Día de Galicia, e ao tempo que fracasaba en Madrid a segunda votación de investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno central, o secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, rexistraba ao seu nome, con enderezo na sede do partido na rúa Génova de Madrid, a marca Galicia Suma, a semellanza da Navarra Suma coa que nas pasadas autonómicas os populares concorreron alí ás eleccións coligados con UPN e Ciudadanos. 

A solicitude produciuse ao tempo que dirixentes populares veñen apelando á unión das dereitas para evitar que a fragmentación lles faga perder votos e representatividade, pero mentres en Galicia o PPdeG confía en poder seguir reeditando o próximo ano a maioría absoluta coa que Feijóo vén gobernando en solitario.

As solicitudes agora realizadas por García Egea inclúen tanto as 17 comunidades autónomas como a marca España Suma, en todos os casos cun deseño similar, coa cor azul do PP nas letras e no que o símbolo da suma varía as súas cores en función das de cada bandeira autonómica.  En todos os casos o tipo de servizos que se relacionan coa marca son de xeito expreso actuacións de tipo político.

Varias das imaxes rexistradas polo PP coas marcas equivalentes a Navarra Suma © PP

En Navarra, onde Unión del Pueblo Navarro (UPN) é o partido dominante do centro-dereita, PP e Ciudadanos acudiron ás autonómicas en coalición con esa formación baixo a denominación Navarra Suma. Similares propostas de unidade da dereita para evitar a perda de representación pola fragmentación do voto formularon diversos dirixentes populares en Cataluña ou Euskadi, ata o momento sen éxito.

Feijóo xa secundou iniciativas conxuntas de PP, Ciudadanos e Vox como a manifestación do pasado febreiro na praza de España de Madrid e defendeu o pacto das tres formacións para gobernar Andalucía

Porén, en Galicia os populares, empezando polo propio Feijóo, veñen gabándose de ser a única formación que segue sendo capaz de gobernar unha comunidade autónoma con maioría absoluta. O presidente galego considera que o PP é a “mellor oferta” electoral en Galicia, pero ao tempo Feijóo tamén secundou iniciativas conxuntas de PP, Ciudadanos e Vox como a manifestación do pasado febreiro na praza de España de Madrid en defensa da “unidade nacional” e defendeu o pacto das tres formacións para gobernar Andalucía. Agora, a iniciativa do secretario xeral do PP de reservarse o uso da marca Galicia Suma chega despois de que o PP galego perdese a condición de formación máis votada tanto nas eleccións xerais como nas europeas, retrocedendo a rexistros da época de Alianza Popular. 

Rexistro da marca Galicia Suma por parte do secretario xeral do PP CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.