O PP sofre un duro revés electoral nos concellos ameazados pola mina de Corcoesto

Protesta contra a mina de Corcoesto © Salvemos Cabana

O PP perdeu máis do 30% do apoio electoral nos concellos ameazados pola polémica mina de Corcoesto, paralizada finalmente pola Xunta pero cuxa implantación non está de todo desbotada ante os intereses de Sacyr. A formación conservadora, ao igual que noutras comarcas, sufriu un importante desgaste, pero a caída en votos foi especialmente clara na zona que se vería afectada por esta minería extractiva tan fortemente contestada pola veciñanza. 

O PP perdeu máis do 30% do apoio electoral nos concellos ameazados pola mina de Corcoesto

Creo así tamén a plataforma Salvemos Cabana, que analiza o resultado das eleccións municipais como "un serio revés da cidadanía ás políticas levadas a cabo polo PP a nivel estatal e o apoio dos tres concellos implicados (Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso) ao proxecto mineiro de Corcoesto", unha iniciativa que, como lembran, "caracterizouse dende o principio por xerar unha problemática socioambiental inasumible". "Os populares pagan un alto prezo", insisten. 

Nos tres concellos que tería abranguido a enorme mina de Corcoesto, o PP deixou no camiño 2.266 votos, máis do 30%, e presumiblemente perderá o goberno que mantiña tanto en Coristanco como en Ponteceso. Non así en Cabana de Bergantiños, ao que pertence a parroquia epicentro da infraestrutura, no que os populares manteñen a maioría absoluta pero perden dous escanos e case 20 puntos de apoio e ven como tanto PSdeG como BNG gañan cadanseu concelleiro. Máis de 760 votos perdeu a dereita nun municipio onde Bloque e PSOE sumaron arredor de 200. "É un notable descenso de sufraxios que abre o camiño para o futuro da rexeneración democrática da vida municipal", destaca Salvemos Cabana. 

Os populares perden a maioría absoluta e o goberno en Coristanco e Ponteceso e case 20 puntos e 762 votos en Cabana de Bergantiños

Xa nos pasados comicios europeos, o PP baixou entre 17 e 20 puntos nas localidades ameazadas pola mina de Corcoesto, onde o BNG aumentara o seu apoio e se disparara a abstención. Desta vez, en Coristanco a perda de 792 votos e de case 10 puntos de apoio por parte dos populares faranlle perder tamén o goberno local no caso de que TEGA, que suma un concelleiro máis, chegue a un acordo con PSdeG e BNG, que aumentan os seus apoios e manteñen cadansúa representación no pleno.

No caso de Ponteceso, o golpe aos populares foi duro tamén. Cae en máis de 700 votos e en máis de dez puntos e perde a maioría absoluta ao pasar dos 8 concelleiros obtidos nas eleccións municipais de 2011 aos 6 conseguidos o pasado 24 de maio. No caso de que cheguen a un acodo, o PSdeG gobernará o concello logo de sumar uns 250 sufraxios máis e grazas tamén á irrupción da plataforma SON, que unida á agrupación independente APIN duplicou a súa representación e sumou 2 edís nun pleno que se completa co obtido polo BNG. 

Salvemos Cabana relaciona o castigo ao PP coa "mobilización social sen precedentes" contra a mina que prevía Edgewater

A plataforma Salvemos Cabana insiste no impacto que o rexeitamento á mina prevista en Corcoesto tivo nos resultados electorais e lembra que fronte a esta proposta extractiva "recolléronse máis de 24.000 sinaturas en contra" e produciuse unha "mobilización social sen precedentes na comrca de Bergantiños en defensa da saúde e o medio ambiente e contra a megaminería". Segundo recordan, a loita social "obtivo os seus froitos cando o presidente da Xunta anunciou a cancelación do proxecto en outubro de 2013". 

A entidade contra a megaminería insiste en lembrar que a iniciativa prevista por Edgewater, e que parece querer recuperar Sacyr, "prevía empregar durante un período duns oito anos, e de acordo cos datos proporcionados pola mineira canadense, inmensas cantidades de reativos moi contaminantes", como 2.856 toneladas métricas de ácido clorhídrico, 6.384 de sosa cáustica ou 4.368 de cianuro, xerando uns inxentes volumes de refugallo, que "superarían ao final do proxecto os 17 millóns de toneladas de residuos tóxicos e os 122 millóns de toneladas de entullos mineiros xeradores de drenaxe ácida, un dos problemas inherentes á minaría a gran escala".

Veciñanza contraria á mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana
Tractorada contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.