O secretario de Organización do PSdeG considera "boa noticia para Galicia" a investidura de Sánchez e pide a Rueda que deixe a "estratexia da crispación" de Feijóo e Ayuso
O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, criticou este sábado que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, actúe "como un títere nas mans de Feijóo e Ayuso" e lamentou que estea "dedicado ás manifestacións e algaradas, pero non a presidir Galicia", onde deixa sen executar o 59,5% dos fondos europeos transferidos polo goberno de España". O socialista tamén criticou a decisión da Xunta, anunciada este venres, de facilitar descontos en cruceiros turísticos a maiores e mozos.

Lage Tuñas critica que a Xunta "continúe sen ofrecer resposta ás necesidades de vivenda e aos proxectos imprescindibles para reflotar a economía das comarcas galegas que máis o necesitan", pero que ao mesmo tempo os seus conselleiros "se dedican a viaxar a Xénova, Italia, para promover cruceiros polo Mediterráneo cando a xente o está a pasar realmente mal".
Logo de facer unha valoración moi positiva da investidura de Pedro Sánchez como presidente do goberno, que constitúe ao seu ver "unha boa noticia para Galicia", Lage Tuñas afeou ao presidente galego que se sume á "estratexia da crispación" de Feijóo e Ayuso, e puxo como exemplo a negativa dos populares a formar parte dunha lista de consenso para a renovación da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Segundo o socialista, os populares utilizaron como escusa unha xuntanza do presidente da Fegamp, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, co candidato socialista á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, demostrando que "cada vez que o ven póñense nerviosos".