O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, anunciou que o seu partido impulsará no Parlamento unha lei para regular o xogo e as casas de apostas en Galicia, durante unhas xornadas de debate sobre o tema organizadas pola formación na Cámara.
Formoso explicou que o PSdeG traballa para apoiar os enfermos e enfermas adictas ao xogo nunha proposta de proxecto de lei que se vai presentar no Parlamento e coa que pretende “cubrir o baleiro que deixa o Goberno galego, que leva tempo sen tomar medidas nunha área tan sensible para a nosa cidadanía e, sobre todo, para a xente nova”.
Formoso di que en Galicia non se toman medidas como si se fai noutras comunidades "pola desaparición da Xunta e a súa conivencia co sector do xogo"
O secretario xeral dos socialistas galegos cre que é unha “proposta ambiciosa” que se marca como gran obxectivo “protexer a xente máis nova do noso país con medidas tan innovadoras como o establecemento dunha distancia mínima das casas de apostas aos colexios”. Lamentou que hoxe en día "pódense ver algunhas a cinco metros da porta dalgún centro educativo, baleirando os patios dos colexios sen que a Xunta estea a facer absolutamente nada para evitalo nin se espere”.
Ademais, incidiu en que esa proposta incluirá prohibicións para que non haxa caixeiros automáticos nas casas de apostas ou para que non existan reclamos como zonas de xogo infantil para os nenos e nenas máis pequenos nas propias casas de apostas. "Isto ocorre no noso país coa conivencia do Goberno galego e sen que as autoridades competentes na materia fagan nada por regular esta situación”, insistiu.
Formoso, de feito, denuncia que en Galicia non se toman medidas como si se fai noutras comunidades "pola desaparición da Xunta e a conivencia con este sector” do xogo.
O BNG urxiu esta semana á Xunta a que presente no Parlamento o anteproxecto da nova Lei do Xogo
Xa esta mesma semana, o BNG urxiu a Xunta a presentar no Parlamento o anteproxecto da nova Lei do Xogo que substitúe a vixente e que "non regula a realidade actual, marcada polos cambios evidentes tanto no xeito de apostar, como nos lugares, cunha presenza crecente das casas de apostas".
Nunha pregunta parlamentaria, o deputado nacionalista Daniel Castro recordou que o Goberno galego comezou a falar dun novo anteproxecto de lei en 2016, “xa que é un dos poucos no Estado que non a renovaron” e que, no entanto, “en abril de 2022 seguimos sen ela”, pese a que, segundo recalcou, “estamos ante un problema gravísimo que causa perda de saúde mental, adicción, empobrecemento e baixada do rendemento académico”.
O feito é que pasaron xa tres anos dende que a Xunta lanzou o seu anteproxecto de lei do xogo. É a norma coa que o Goberno de Núñez Feijóo quere substituír a impulsada en 1985 polo Executivo de Gerardo Fernández Albor (AP). A nova normativa segue polo momento estancada e, mentres, xigantes do sector en Galicia fortalécense. É o caso de dúas das empresas de referencia no eido das apostas e das máquinas comercartos, Luckia e Comar. Fano tanto no ámbito estritamente empresarial e de xestión como organizativamente.
Nas xornadas de debate sobre a lei do xogo organizadas polo PSdeG participaron o voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado; a secretaria da área de políticas Sociais da CENG, Margarita Martín Rodríguez; o director do proxecto de loita contra a ludopatía do Concello de Santiago, Ramón Molina; e o presidente da Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados (Agalure), Francisco Gil.
Ademais, e a preguntas dos medios de comunicación, Formoso tamén urxiu O PPdeG a acelerar o proceso de sucesión na Xunta. “Creo que no peor escenario económico e social de Galicia dos últimos 30 anos, é unha irresponsabilidade que non se teña xa resolto”, afirmou.