O PSdeG recorda que a regulación do xogo en Galicia data de “cando Fraga aínda non se presentara ás eleccións"
A regulación do xogo en Galicia data de “cando Fraga aínda non se presentara ás eleccións, non caera o muro de Berlín e non existía internet nas nosas casas”. Así o lembrou este mércores o secretario xeral do PSdeG. Valentín González Formoso, ao presentar unha proposición de lei rexistrada polos socialistas no Parlamento.
A proposta pretende renovar de arriba a abaixo a actual Lei do Xogo de Galicia, de 1985, cunha iniciativa que o PSdeG pide á Xunta que tome "co rigor que se merece" e que sirva para, entre outras cousas, "erradicar as casas de apostas do ámbito dos colexios”. Formoso advirte do "clamor" das familias que queren protexer a mocidade destes espazos que ateigan barrios e zonas escolares e critica a "inoperancia lexislativa" do PP e da Xunta neste ámbito.
Porque pasaron xa seis anos desde que a Xunta anunciara unha nova regulación e máis de tres dende que lanzara o seu anteproxecto de lei do xogo. É a norma coa que o Goberno de Núñez Feijóo quería substituír a impulsada en 1985 polo Executivo de Gerardo Fernández Albor (AP). Pero esta nova normativa segue polo momento estancada mentres xigantes do sector en Galicia se fortalecen. É o caso de dúas das empresas de referencia no eido das apostas e das máquinas comercartos, Luckia e Comar. Fano tanto no ámbito estritamente empresarial e de xestión como organizativamente.
Desde o PSdeG denuncian que a normativa actual diante desta "lacra" permite situacións tan "antagónicas" como que "haxa caixeiros e casas de préstamos nas propias casas de apostas, que ademais poden estar a tres metros da porta do colexio”. Por iso, Formoso reclama á Xunta que tome a proposición de lei "co rigor que merece, que acelere a tramitación” e atenda á “responsabilidade das forzas políticas galegas coa mocidade do país”.
Formoso advirte da necesidade dunha lei que afaste as casas de apostas dos centros de ensino e dunha "lacra" que provoca "casos dramáticos"
O texto incorpora xa achegas dos colectivos afectados, de asociacións pola prevención da enfermidade do xogo, das que prestan coidado ás persoas adictas ou de traballadoras e traballadores sociais. O PSdeG chama agora ás forzas parlamentarias a "enriquecer" un texto que "pon no seu sitio a especulación no xogo e os riscos que non pode asumir" a xente nova.
Formoso, ademais, acusou o PP de estar lastrado por un "proxecto político esgotado" que lle impide regular unha "lacra" que provoca "casos dramáticos". E puxo o exemplo real dunha familia que ten que afrontar os 70.000 euros consumidos nun mes por un mozo ou as denuncias dun avó que ve como cada día rapazada da Coruña non xoga no recreo do eu centro escolar senón que acode a unhacasa de apostas situada a 50 metros.
Ademais, o portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, debullou a realidade do xogo en Galicia, onde un de cada catro menores de idade xa apostaron algunha vez, o 8% deles no último mes. Ademais, segundo aclarou, o 70% deles fixérono de maneira presencial en máquinas ou casas de apostas ou nas máquinas de hostalería onde “non poderían apostar, pero apostan”, de acordo cos datos das universidades galegas.
Desde que o PP anunciara a regulación do xogo hai seis anos, sinalou Torrado, abríronse 49 casas de apostas novas en toda Galicia, que se suman ás máis de 2.000 máquinas instaladas nos locais de hostalería, nas que xogan rapaces de 12 e 13 anos –o 15% dos menores que xogaron fixérono con esa idade.
A lei que propón o PSdeG aposta por afastar as casas de apostas 850 metros dos colexios ou obrigar a dispor de DNI electrónico para acceder más máquinas
Torrado avoga por "non prohibir pero si regular" e lembra que a competencia sobre o xogo está delegada nas comunidades autónomas pero que só Galicia "fica atrasada" na aprobación dunha nova mormativa.
Entre as medidas que propón o PSdeG na iniciativa destaca situar as casas de apostas a 850 metros dos centros educativos ou locais das asociacións de ludopatía e a 500 metros unha de outra. Tamén ferramentas para que os concellos poidan habilitar zonas protexidas libres de casas de apostas, dándolles competencias para actuar contra o problema, así como limitar a publicidade de entidades crediticias nestes espazos e o acceso ao contorno no que máis se xoga, como son os locais de hostalería, en ocasións “verdadeiras casas de apostas encubertas”.
Tamén demanda a obriga de dispoñer de DNI electrónico para acceder a estes dispositivos, “como piden todas as asociacións de tratamento de adictos ao xogo rehabilitados”, e limitar a unha máquina de xogo ou apostas por cada establecemento hostaleiro. Do mesmo xeito, reivindica o cumprimento do acordo parlamentario para constituír o Observatorio do Xogo de Galicia e incrementar as achegas públicas ás entidades que traballan na prevención da adicción ao xogo.
Segundo dixo Torrado, nesta altura as dúas entidades galegas que traballan en Galicia reciben 5.000 euros anuais, unha cantidade que o PSdeG quere aumentar ao 1% da recadación por taxas e impostos do xogo, o que aumentaría ata os 600.000 euros dos 60 millóns que recada a Xunta neste apartado cada ano.