O PSdeG ve nos 500 millóns en axudas lanzadas pola Xunta en xaneiro un "intento de deixar sen cartos ao novo Goberno"

Patricia Iglesias e Mayra García, candidatas do PSdeG número 1 e 3 pola Coruña e Lugo, respectivamente, en rolda de prensa sobre as axudas publicadas pola Xunta durante o mes de xaneiro CC-BY-NC-SA PSdeG

Un "intento desesperado por adulterar o resultado electoral", pero tamén un "intento de deixar sen cartos ao novo Goberno que terá Galicia". É a interpretación que fai o PSdeG dos case 500 millóns de euros que suman as máis de 80 ordes de axudas ou subvencións publicadas pola Xunta no Diario Oficial de Galicia durante os primeiros 23 días de xaneiro e resoltas ou ordenadas dende mediados de decembro. En concreto, suman 464,9 millóns.

"Están a saquear as contas públicas" nun "intento desesperado de adulterar o resultado" do 18F, acusan as socialistas Patricia Iglesias e Mayra García

Axudas que adoitan ser publicadas entre finais e comezos de cada ano, pero tamén outras que proceden de "atrasos" previos ou que son plurianuais e chegan mesmo ata 2027 son parte, segundo as candidatas socialistas Patricia Iglesias e Mayra García -cabeza de cartel pola Coruña e número tres por Lugo, respectivamente-, dun "descarado uso electoralista" dos fondos públicos. "Están a saquear as contas públicas", dan en acusar.

As axudas recompiladas polas socialistas son de sectores e ámbitos diversos. Dende achegas recorrentes como bolsas de estudos universitarios ou axudas ao sector gandeiro afectado polo lobo a outras ligadas a fondos europeos que estaban "sen convocar" ou pendentes dende hai anos, como subvencións para maquinaria agrícola. Tamén foron lanzadas axudas como as do alugueiro, financiadas con fondos europeos que transfire o Estado ou axudas a entidades galegas no exterior.

As axudas recompiladas polo PSdeG atinxen a ámbitos diversos, algunhas son recorrentes cada ano e outras atinxen ata 2027. "Non poñemos en cuestión a necesidade de moitas" delas, pero si que "saquen todo de golpe a un mes das eleccións", sinalan

Parques empresariais, turismo enogastronómico, produción agrogandeira, centros tecnolóxicos ou transportes son outras das materias do que Iglesias e García definen como unha "publicación exprés" motivada, acusan, polo adianto electoral. "Non poñemos en cuestión a necesidade de moitas destas axudas", matiza Iglesias, se ben resulta "estraño" que "despois de case 15 anos perdendo fondos por non executalos" decidan "sacar todo de golpe e a menos dun mes das eleccións".

"Mesmo recollen iniciativas de anos anteriores e publican partidas plurianuais que comprometen cartos a futuro, mesmo hipotecando as actuacións do próximo Goberno", insisten ante unha "chuvia de millóns" que, agrega, vai "seguir nos próximos días" nun "suma e segue desesperado". "Tiran -lamenta Bermúdez- das peores prácticas de caciquismo ás que nos teñen afeitos" porque "saben" que cara ao 18F "hai partido" e "o pobo galego xa non traga coa súa incompetencia".

O PSdeG atribúe estas convocatorias a que "no PP están nerviosos" e "a xente está mobilizándose". "Saben, como dixo o presidente Sánchez, que a urnas cheas, cambio seguro". Esa é, conclúen,  a razón deste "intento de chantaxe, coa única finalidade de mercar os votos da xente". Non obstante, aseguran, José Ramón Gómez Besteiro "non vai permitir esta hipoteca" e "o Partido Socialista examinará todas as vías para impedilo" se goberna tras o 18F.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.