Besteiro asegura que restituír os libros de texto públicos será a súa primeira decisión se o PSdeG goberna tras o 18F

Besteiro, o ex-reitor da UDC Julio Abalde e outros integrantes das listas do PSdeG para o 18F, este 23 de xaneiro no Politécnico de Santiago CC-BY-NC-SA PSdeG

O 8 de setembro de 2005, apenas un mes despois de chegar á Xunta e nun dos primeiros Consellos con contido executivo amplo, o Goberno galego de PSdeG e BNG aprobou a extensión da gratuidade dos libros de texto a toda a Educación Primaria. Na liña do prometido en campaña, o socialista Emilio Pérez Touriño confirmaba como novo presidente que o programa experimental de gratuidade que aprobara o Executivo do PP de Fraga nese mesmo ano para dous cursos viraba en universal para o alumnado de Primaria de todos os colexios financiados pola Xunta -públicos e concertados-, coa vocación de ser ampliado no futuro.

A gratuidade dos libros de texto foi estendida polo Goberno de coalición PSdeG-BNG e cancelada en 2009 tras o retorno á Xunta do PP, que anos despois aplicou un modelo de axudas e préstamos parciais

Aínda que reformulado para tentar paliar as protestas de sectores como editoriais ou librarías, o modelo de libros de texto públicos estendeuse polo conxunto do ensino obrigatorio ao remate daquela lexislatura. Pero en 2009, co retorno do PP, a Xunta cancelouno. O gabinete presidido por Alberto Núñez Feijóo substituíno polo que denominou "gratuidade solidaria", un sistema de axudas parciais que acabou saíndo máis caro para o erario que o préstamo universal e que dende 2015 convive cun sistema de préstamos que segue sen ser equiparable na súa extensión ao suprimido.

Besteiro expón as súas propostas en materia educativa cara ao 18F, este 23 de xaneiro en Santiago

Con este pano de fondo, o candidato do PSdeG á presidencia, José Ramón Gómez Besteiro, aproveitou este martes un encontro con estudantes para asegurar que, se chega ao Goberno galego tras o 18F, a súa "primeira medida" será "aplicar a gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio para tods os nenso e nenas que estuden en centros públicos e concertados". "Foi a primeira que aprobou o Goberno socialista de Touriño e a primeira que tombou o PP e Feijóo e Rueda. Será a primeira que eu recupere", mantén.

O candidato socialista á presidencia, que advirte de que as familias afrontan cada inicio de curso un gasto medio duns 600 euros, promete tamén reducir o número de estudantes por aula ou ampliar as bolsas, cuxa competencia prevé reclamar ao Estado

Sinala Besteiro que, malia aos plans lanzados pola Xunta do PP nos últimos anos, as familias con fillas e fillos en idade escolar seguen tendo que afrontar "unha media de 600 euros" en gastos en libros ao comezo de cada curso. E "a igualdade de oportunidades", sinala o aspirante socialista á Xunta, "pasa necesariamente por unha educación pública de calidade e gratuíta" tamén no que atinxe aos manuais.

Besteiro lanza esta promesa no contexto dun plan que, di, tamén incluiría unha "nova lei de educación de Galicia" que contemple aspectos como a loita contra o acoso escolar, "a prestación dun servizo de atención psicolóxica gratuíta" ou medidas de reforzo para a atención ao alumnado con necesidades educativas especiais. Ademais, sinala, se é presidente promoverá "a rebaixa do número actual de nenas e nenos" por aula e "reverterá os recortes nos sistema educativo de Feijóo e Rueda", tamén no que atinxe "á recuperación progresiva das condicións de traballo do profesorado existentes" antes de 2009.

Tamén en materia educativa, o candidato do PSdeG bosquexa plans como un maior impulso á Formación Profesional, ou unha "ampliación do número de bolsas de estudo", cuxa transferencia de competencias -que o Goberno de coalición xa comezara a negociar hai década e media- reclamará ao Estado. Asemade, para a universidade Besteiro ratifica que o seu programa volverá incluír "a proposta socialista, rexeitada en varias ocasións polo PP de Rueda, de que a primeira matrícula na universidade sexa de balde". Agora, ironiza, Rueda deu en "copiala". Os seus plans completos para a educación superior, non obstante, faraos públicos nun próximo encontro cos tres reitores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.