O quiosco, entre o golpe ao bipartidismo español e o ascenso da ultradereita na UE

Dominio Público Praza Pública

As eleccións europeas do 25-M ocupan este luns as primeiras páxinas de boa parte dos diarios impresos en múltiples países da Unión Europea, aínda que cos resultados da Eurocámara relegados a un segundo plano fronte ás lecturas en clave territorial. Así, por exemplo, os principais xornais tradicionais editados en Galicia cadran en sinalar o "castigo" ao bipartidismo, palabra que se repite nas primeiras páxinas de La Voz de Galicia, Diario de Pontevedra, ou os xornais do grupo La Capital. O desplome de PP e PSOE tanto en Galicia como no Estado comparte protagonismo coa irrupción de Podemos nos dous ámbitos tal e como destaca, por exemplo, Faro de Vigo.

Na prensa editada en Madrid o golpe ao bipartidismo tamén é unha constante nas primeiras páxinas, aínda que con matices. Así, por exemplo, El País asegura que "gana o PP" pero "perde o bipartidismo" mentres El Mundo fala dun "castigo histórico". Ambas cabeceiras coinciden en levar a catro columnas unha fotografía do líder de Podemos, Pablo Iglesias. Máis á dereita, La Razón coida que o bipartidismo só sufriu un "toque de atención" e salienta o ascenso de ERC en Catalunya e ABC interpreta que o PP "gana con castigo".

O "castigo" ao bipartidismo é protagonista na prensa editada en Galicia e Madrid, mentres que en Catalunya destaca a consolidación do soberanismo

Unha axenda informativa ben diferente é a da prensa catalá, na que comparten protagonismo o triunfo de Esquerra e a consolidación do soberanismo cos malos resultados das grandes forzas estatais. "Sismo en Europa", titula La Vanguardia, mentres que El Periódico de Catalunya destaca que "ERC bate a CiU" e, ao mesmo nivel, o "golpe ao bipartidismo" español. En clave nacional o diario Ara le os resultados como unha "mensaxe a Bruxelas" e bota man do inglés para lanzarlle un recado a Europa: "We want to vote", titula.

No resto da Unión Europea os resultados estatais comparten protagonismo co panorama comunitario, sobre todo no que atinxe ao triunfo da ultradereita en Francia e outros países. "Europa radicaliza", di o portugués Públicono que a vitoria da ultra francesa Marie Le Pen vai ao carón da "vitória mínima" dos socialistas portugueses e a caída da dereita no país veciño. En Francia o xornal Libération dedícalle unha fotografía a toda páxina a Le Pen e destaca a "derrota histórica" do gobernante Partido Socialista. 

En Italia o xornal La Repubblica, igual que a maioría das principais cabeceiras, ve "triunfante" o Partido Democrático do primeiro ministro, Mateo Renzi, e cualifica de "fracaso" o resultado do cómico Beppe Grillo, que fora a gran sorpresa nas anteriores eleccións italianas. Mentres, en Grecia, a prensa destaca a vitoria de Syriza e o "novo panorama" político que abren os comicios europeos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.