O reloxo do congreso xa corre no PSdeG

Vázquez e Orozco, nunha Executiva do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Toca congreso e toca máis cedo que tarde. O novo ano semella que trouxo consigo un incremento de velocidade no proceso que desembocará no congreso do PSdeG ou, no que é o mesmo, na renovación da dirección dos socialistas galegos. Despois de que, a finais de decembro, Pachi Vázquez reclamase non meter o partido nun procedemento "apresurado" porque "os problemas profundos non se arranxan nun plisplás" diversos dirixentes da formación, tamén o propio secretario xeral, aseguran que non optan polas prórrogas e mesmo trazan un horizonte concreto: o cónclave celebrarase "antes do verán".

Quen revelou con máis precisión as que poden ser datas do calendario congresual foi o presidente do PSdeG e alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, quen chegou a este posto honorífico en marzo de 2012 da man de Vázquez. "A intención da executiva e do secretario xeral é ter o congreso no prazo razoable que se poida ter, é dicir, antes do verán", resume o rexedor lugués, nunha afirmación que ten máis significado que a propia precisión de datas. Celebrar o congreso antes do verán equivale a non agardar á conferencia política na que o PSOE reformará os seus estatutos. Polo tanto, agás que os socialistas galegos tenten algún tipo de mecanismo extraordinario, o novo secretario ou secretaria xeral non se podería elixir polo sistema de primarias, no que toda a militancia puidese emitir o seu voto.

Esta circunstancia, a das primarias, foi precisamente a que deu lugar a suspicacias nos sectores máis críticos co actual secretario xeral. A finais do pasado ano Pachi Vázquez manifestaba que lle "gustaría" que a persoa que o suceda sexa elixida polo conxunto da afiliación, pero "temos que distinguir entre o que nos gustaría e o que podemos facer", sinalaba, dado que "o modelo de primarias neste momento é imposible". Deste xeito, se a votación se produce antes do período estival quen poderá participar nela serán os delegados e delegadas elixidos nas datas previas ao congreso entre os membros das diversas agrupacións do PSdeG.

Orozco sitúa o congreso "antes do verán" e Vázquez rexeita que tentase continuar "un ano máis" na secretaría xeral

Este é o escenario no que Pachi Vázquez acudirá ao Comité Federal que o PSOE celebra este sábado. Nel, asegura, exporá ante a dirección encabezada por Alfredo Pérez Rubalcaba que "Galicia vai ter calendario propio" e que "entre xaneiro e febreiro decidiremos, entre a Executiva galega e o Comité Nacional Galego", cales van ser "os nosos propios ritmos para buscar solucións". En liña co manifestado por Orozco Vázquez rexeita ademais que realizase movemento ningún para gañar tempo. "Nunca falei con Alfredo dun ano nin nada", ilustra, ao tempo que manifesta o seu convencemento de que "en España e Galicia temos que resintonizar coa cidadanía", pero "con tempos distintos".

Besteiro agarda "a que decida o partido"

Besteiro non dubida de que o partido xa está "en clave de congreso"

Neste contexto, co partido arrecendendo a congreso, moitas das olladas internas e externas diríxense xa cara ao presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, quen xa manifestou que dará "un paso á fronte cando chegue o momento de comprometerse". Tras meses de contactos en diferentes agrupacións socialistas e despois de convocar un acto inédito no partido de encontro directo coa militancia Besteiro non dubida de que o PSdeG "está en clave de congreso" e só resta saber "que forma e que tempos se dan". Mentres isto non sucede, subliña, el non é "dos que está dicir constantemente as cousas". "A min un día preguntóuseme e dixen que, efectivamente, o Partido Socialista está en clave de congreso" e agora é precisamente "ao partido" ao que "lle corresponde tomar a decisión" de cando se celebra". Un apoio que Besteiro semella poder dar por seguro é o de Orozco, para quen o "paso adiante" do presidente lugués é "un motivo de alegría e satisfacción". "Xa sabedes onde está o meu corazón", abonda.

É de agardar que os colectivos críticos tomen posición tras os comités federal e nacional

Así as cousas, resta saber como encaixa neste novo panorama o período de consultas entre a militancia que a Executiva acordou abrir e que implicaba un período de "reflexión" sobre seis áreas temáticas (modelo económico, modelo social, modelo de Estado, calidade democrática, Europa e modelo de partido). Do mesmo xeito, é de agardar que despois do comité federal e, sobre todo, tras as reunións dos órganos nacionais galegos, tomen posición no proceso colectivos como En Positivo, acabado de nacer, ou grupos como o foro no que se integran militantes destacados como Xaquín Fernández Leiceaga, entre outros.

 

Vázquez e Orozco, nunha Executiva do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG
Besteiro, líder dos socialistas de Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.