A Xunta rexeitou reintegrar á muller os 16.800 euros que custou a intervención dunha obstrución coronaria no país centroamericano alegando que foi decisión súa, pero o TSXG avala que a atención que requiriu era "ineludible"
En 2019 unha muller galega que viaxara a Panamá a visitar unha filla residente alí sufriu unha obstrución coronaria pola que tivo que ser intervida nun hospital daquel país. Tivo que pagar a intervención xa que Panamá non ten convenio bilateral coa seguridade social española, e ao regresar a Galicia solicitou o reintegro dos gastos, 16.800 euros, ao Sergas, que llos denegou. Agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dá a razón á muller e desbota o argumento da Xunta de que a operación fora decisión dela porque o que lle pasaba non era unha "urxencia vital".
Segundo a sentenza do TSXG, a muller comezou a sentirse mal aos seis días de chegar a Panamá, cunha dor torácica opresiva que a levou a acudir ao servizo de urxencias dun hospital. Foi ingresada, diagnosticada dunha obstrución coronaria que precisaba cateterismo e operada dous días despois para implantarlle un stent ou malla que permitiu a apertura dunha arteria que tiña unha lesión do 80%.
Os gastos no hospital panameño ascenderon a 16.800 euros, e a muller reclamounos ao Sergas cando volveu a Galicia, pero este rexeitou pagar "por non tratarse dun suposto de urxencia vital". A muller foi á xustiza e un xulgado deulle a razón, pero o Sergas recorreu e agora o TSXG ratifica que a Xunta debe asumir os gastos.

No proceso xudicial o Sergas argumentou que o que lle pasou á muller "non se trata dunha urxencia inmediata e de carácter vital" e que utilizara "por decisión propia servizos distintos aos da seguridade social". Así que a xustiza centrouse en analizar o concepto de "urxencia vital" que a lexislación española impón, entre outros requisitos, para asumir gastos sanitarios fóra do sistema público.
"Non cabe dúbida", di o TSXG, de que "a atención á demandante era ineludible" dada "a gravidade do cadro, o cal se presentou de forma súbita"
E tirando de xurisprudencia indica que o termo "vital" non se refire só a que se poida producir unha morte inminente senón que abarca tamén danos á "funcionalidade de órganos importantes", lembrando que "o mandato constitucional sobre o dereito de protección á saúde non permite unha interpretación mesquiña" do concepto.
"Non cabe dúbida no presente caso de que concorren os requisitos establecidos na norma, xa que a atención á demandante era ineludible [...] dada a gravidade do cadro, o cal se presentou de forma súbita", conclúe o TSXG, que condena polo tanto o Sergas a reintegrar á muller o seu gasto sanitario en Panamá.