O Tribunal de Contas da UE censura que en 15 anos a Xunta non convocase concursos para concesións de bateas

Bateas nunha ría galega e informe do Tribunal de Contas da UE sobre a acuicultura en Europa CC-BY-SA Praza Pública

En 2017 o PP ampliou de 30 a 50 anos as concesións de bateas e agora o ente fiscalizador europeo pon a ausencia de novas convocatorias como exemplo de "barreira administrativa" que contribúe ao "estancamento" da acuicultura

O Tribunal de Contas da UE fixo público este mércores un informe no que analiza o estancamento da produción acuícola en toda Europa, que atribúe a unha pouco eficiente execución dos fondos comunitarios dedicados ao sector, as eivas na ordenación dos espazos destinados a estas actividades e os obstáculos administrativos na concesión de licenzas

Este último aspecto é no que pon o foco o ente fiscalizador no caso de Galicia, onde destaca, coas bateas de mexillóns como principais protagonistas, que a lei esixe desde 2008 "outorgar novos títulos administrativos habilitantes para a acuicultura en zona marítima mediante concurso público", pero salientando que "non se produciu tal concurso desde que se introduciu o requisito".

Principais especies de acuicultura producidas na UE © Tribunal de Contas da UE

O informe do Tribunal de Cuentas analizou a situación do sector en seis lugares significativos pola súa produción acuícola: Grecia, España (Galicia), Francia, Italia (Emilia-Romaña), Polonia e Romanía, que en conxunto supoñen "arredor do 71% da produción acuícola da UE en 2020". Unhas cifras que no caso galego hai que contextualizar co peso que ten o mexillón sobre calquera outra especie. Ademais, no caso de Galicia e Polonia realizáronse viaxes de auditoría, con reunións coas administracións, o sector acuícola e organizacións ambientais, ademais de visitas a catro proxectos no caso galego.

O informe pon o foco no caso de Galicia nas barreiras administrativas para a entrada de novos produtores ou para a creación de novas explotacións. Así, a auditoría salienta que a lei galega de pesca de 2008 "esixe outorgar novos títulos administrativos habilitantes para a acuicultura en zona marítima mediante concurso público celebrado polas autoridades públicas". Porén, engade que "non se produciu tal concurso desde que se introduciu o requisito", de xeito que nos últimos anos só se outorgaron permisos para acuicultura experimental. 

O informe europeo recolle a explicación da Xunta, que argumenta que está "levando a cabo un estudo sobre a capacidade de carga dos estuarios galegos antes de avaliar a posibilidade de conceder novos títulos habilitantes".

Consideracións do Tribunal de Contas da UE sobre a acuicultura en Galicia © Tribunal de Contas da UE

Este informe europeo chega despois de que en 2017 a Xunta decidise prorrogar de 30 a 50 anos as concesións de bateas, cuxa cifra se mantén invariable desde hai anos nunhas 3.300 en todas Galicia. Aquela prórroga chegou aproveitando unha reforma da Lei de Costas estatal impulsada polo Goberno de Mariano Rajoy para facilitar en xeral todas as concesións no litoral. 

Foi unha prórroga que tamén se produciu despois de que un ano antes o Goberno galego se vise obrigado polas protestas do sector a retirar unha proposta de lei de acuicultura que abría a porta a outorgar novas concesións de bateas.

O informe europeo agora feito público tamén analiza a ordenación e vixilancia dos espazos marítimos para a produción acuícola. No caso galego o Tribunal de Contas recoñece o esforzo na planificación hidrolóxica e a vixilancia da calidade das augas xa que "unha calidade insuficiente da auga pode ser tamén un factor que limite o crecemento da acuicultura".

Bateas na costa galega © Xunta

O Tribunal de Contas recoñece o esforzo na planificación hidrolóxica e a calidade das augas pero lamenta a demora estatal na ordenación dos espazos marítimos

Porén, tamén censura a demora coa que España asumiu a obriga comunitaria de elaborar os denominados Plans de Ordenación dos Espazos Marítimos (POEM), que establecen que zonas do mar poden ser ocupadas por usos acuícolas, eólicos, pesqueiros ou deben ser preservados polos seus valores naturais. Eses plans debían estar elaborados en marzo de 2021 pero España non os aprobou ata dous anos máis tarde, en febreiro deste ano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.