O Tribunal Superior sentencia que o marco legal que deu a Xunta de Fraga a Ence permítelle facer obras sen licenza do Concello

Imaxes das obras na factoría de ENCE tomadas na inspección do Concello de Pontevedra (2018) © Concello de Pontevedra

A finais de 2018, o Concello de Pontevedra paralizou unhas obras que Ence estaba a realizar na súa fábrica de Lourizán. A pasteira foi á xustiza alegando que non debía solicitar esa licenza porque os traballos estaban abeirados no Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal (PSIS), marco legal no que funciona a factoría dende que así o decidiu o derradeiro Goberno de Fraga a finais de 2003. A principios deste ano, un xulgado pontevedrés deu a razón ao Concello neste litixio, pero agora unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza conclúe que a razón está do lado da empresa.

Os PSIS foron aprobados pola Xunta do PP de Fraga no ano 2000 como medio para "regular a implantación territorial" de "infraestruturas, dotacións e instalacións de interese público ou utilidade social cando a súa incidencia transcenda o termo municipal no que se localicen". Cando Ence obtivo esta consideración para o seu complexo de Lourizán, había pouco máis de dous anos que deixara de ser unha empresa pública. En 2001 o Goberno de Aznar privatizáraa e o seu primeiro presidente como compañía privada era José Luis Méndez, na altura director xeral de Caixa Galicia.

Complexo industrial de ENCE en Pontevedra, nunha imaxe de arquivo previa a estas obras © Greenpeace

Segundo o expediente de suspensión por parte do Concello, estas obras consistían na "construción de pérgolas para o estacionamento de vehículos, o desmantelamento das xa existentes" e "obras na envolvente do edificio destinado a oficinas", así como noutros adxacentes. Tamén na construción de coberturas nas caldeiras para mudar o seu aspecto exterior. Todo, no marco dos seus plans de integración paisaxística tras a prórroga outorgada polo Goberno de Rajoy en 2016, agora anulada pola Audiencia Nacional e pendente da resolución definitiva do Tribunal Supremo

O xulgado de Pontevedra considerou que Ence si tiña que pedir licenza e sinalaba ademais que "non se trata" de que as obras "teñan cabida ou se atopen no ámbito do ordenado no Plan Sectorial", senón que "o precepto aplicable require que estean definidas detalladamente no proxecto sectorial ou cando menos referidas no proxecto". Pero o Tribunal Superior matiza que o fin "concreto" dos traballos é "unha substitución ou reforzo de elementos que se realizan sobre edificacións ou instalacións previstas no proxecto", polo que non hai "dúbida ningunha" ao respecto da integración no PSIS.

O TSXG considera que as obras paralizadas en 2018 polo Concello de Pontevedra na factoría e Ence "están dentro do ámbito do Plan de Incidencia Supramunicipal concedido pola Xunta á pasteira en 2003 e por iso non precisan licenza. O goberno local anuncia que recorrerá ao Supremo

"Entendemos que as obras (...) están dentro do ámbito do PSIS e se integran no mesmo, sen que poidamos limitar o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal a que recolla só edificacións e instalacións existentes no momento da súa aprobación" ou impedir a "actualización dos equipos". Segundo a Sala, se así fose "resultaría inútil" o estipulado nas propias regulacións dos PSIS, as cales indican que "as obras públicas definidas detalladamente no proxecto sectorial serán cualificadas expresamente como de marcado carácter territorial e non estarán suxeitas a licencia urbanística nin a ningún dos actos de control preventivo municipal".

Unha vez coñecido o ditame xudicial, o Concello de Pontevedra -que o fixo público-, xa avanzou a súa intención de recorrer a sentenza no Tribunal Supremo, como recolle Pontevedra Viva. Trátase, indica o consistorio, de defender as competencias municipais e de que Ence teña que cumprir os mesmos requisitos que o resto de empresas instaladas no municipio. O goberno local, co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) á cabeza, vén sostendo dende hai anos que o PSIS foi unha vía empregada pola Xunta de Fraga para restar ao Concello capacidade de control sobre Ence.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.