O TSXG avala que a linguaxe inclusiva puntúe máis para recibir axudas ao emprendemento feminino

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e a directora xeral de Igualdade, María Quintiana, nun acto sobre axudas ao emprendemento feminino CC-BY-SA Xunta de Galicia

"O masculino xenérico implica un androcentrismo lingüístico que confunde o masculino co universal", di a Xunta nun proceso iniciado por unha empresa á que denegou unha axuda por non usar linguaxe inclusiva

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza que avala que a Xunta denegase unha axuda de 10.000 euros ao emprendemento feminino a unha empresa que non empregou na súa solicitude unha linguaxe inclusiva. A convocatoria de subvencións contemplaba puntuar máis as solicitudes que empregasen linguaxe inclusiva e o Goberno galego argumentou que "o masculino xenérico implica un androcentrismo lingüístico que confunde o masculino co universal". 

Argumentos da Xunta recollidos na sentenza do TSXG que lle dá a razón por non valorar unha solicitude de axudas escrita en linguaxe non inclusiva CC-BY-SA Praza Pública

As axudas para o fomento do emprendemento feminino outórganse por concorrencia competitiva, isto é, ás solicitudes que acaden maior puntuación en distintos criterios como empregos xerados ou tamaño do concello. Na convocatoria de 2024 a Consellería de Política Social e Igualdade decidiu valorar con 5 puntos dun máximo de 100 o "emprego dunha linguaxe inclusiva en toda a documentación que se presente para tramitar o procedemento". Un requisito que xa non incluíu na convocatoria deste 2025.

O tribunal di que as bases das axudas de 2024 eran claras ao puntuar máis a linguaxe inclusiva, pero a Xunta deixou empregar ese criterio nas axudas deste 2025

De acordo con esas bases, a empresa denunciante non recibiu eses 5 puntos porque no seu plan de negocio presentado incluíu expresións como "os clientes, os médicos, outros profesionais e estes profesionais". Ao perder eses 5 puntos a empresa quedou fóra das axudas e recorreu primeiro ante a propia consellería e despois ante a xustiza reclamando ter dereito a unha subvención de 10.000 euros.

Pero o TSXG dá a razón á Xunta. A sentenza recolle os argumentos da Xunta de que a empresa empregara "varias veces o masculino en sentido xenérico" e que "a utilización do masculino xenérico implica un androcentrismo lingüístico que confunde o masculino co universal", o que pretendían evitar as bases da convocatoria ao puntuar máis a linguaxe inclusiva.

Sala de vistas na sede do Tribunal Superior de Xustiza © TSXG

O tribunal está de acordo en que ese criterio non foi arbitrario nin incluído indebidamente no proceso senón que quedou explicitado de xeito "claro" desde a propia convocatoria das axudas. A sentenza salienta "a importancia do requisito, atendida a natureza da axuda solicitada e que quen convoca as axudas é o departamento da Administración xeral da Xunta de Galicia que ten encomendadas as competencias en materia de promoción da igualdade efectiva entre homes e mulleres".

 Entre as súas funcións, di o tribunal, están as fixadas pola Lei 7/2023 para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia que no seu artigo 31 dispón que "o uso non sexista da linguaxe consiste na utilización de expresións lingüísticamente substitutivas doutras que invisibilizan o feminino".

"Non parece, pois, que caiba reprochar que se estea empregando polas bases un criterio non debidamente definido, nin que a concreción dos parámetros valorativos se realice a posteriori", di a sentenza, senón que "pola contra, a referencia á linguaxe inclusiva amosa con claridade que esta non se adecúa ao emprego de termos masculinos para referirse a colectivos integrados por homes e mulleres, xa que, cos ditos termos, estase invisibilizando a presenza de mulleres nos ditos colectivos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.