Máis axudas ao emprego feminino denegadas por formalismos: o TSXG volve afear a interpretación restritiva da Xunta

Presentación das axudas ao emprego feminino por cuxa denegación a Xunta vén de ser condenada, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego deixou sen subvención unha gandería que fixo contratos indefinidos a dúas mulleres porque tardou un día en comunicar as contratacións desde que pediu axuda

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de facer pública unha sentenza na que condena a Xunta e volve afear o seu rigor formalista e a súa interpretación restritiva das normas ao denegar unha axuda ao emprego feminino a unha empresa gandeira que fixo contratos indefinidos a dúas mulleres desempregadas. A sentenza obriga á Consellería de Emprego e Igualdade a conceder os 6.000 euros de subvención previstos por cada contrato e vén sumarse a unha longa lista de resolucións xudiciais que poñen en cuestión o apoio ao emprego feminino do Goberno galego.

Segundo a sentenza agora coñecida, a Xunta abriu o 5 de xullo de 2022, no marco do Plan de Recuperación financiado con fondos a UE, o prazo de solicitude dunha convocatoria de axudas para a contratación indefinida inicial de mulleres desempregadas. As bases contemplaban que serían subvencionables as contratacións realizadas entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro daquel ano. 

Ao día seguinte da apertura do prazo a empresa afectada pediu a axuda para a contratación de dúas mulleres desempregadas con efectos desde o 1 de xullo, e un día máis tarde realizou a comunicación das contratacións a través da oficina pública de emprego correspondente.

Porén, a Xunta denegou as axudas argumentando que as bases das mesmas indicaban que "as contratacións polas que se solicita subvención deberán estar comunicadas, a través [da oficina pública de emprego], no momento da solicitude". 

O TSXG considera que esa expresión, "no momento da solicitude", "non quere dicir que teña que ser simultánea a presentación da solicitude da subvención e máis a comunicación da contratación, sempre e cando a presentación da comunicación da contratación se leve a cabo dentro do prazo de solicitude da subvención", como foi o caso. "Máxime se temos en conta que os contratos das traballadoras levan data anterior á propia solicitude da subvención", engade a sentenza.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galici © TSXG

O TSXG lembra que a xurisprudencia establece que "a letra da lei é un dos elementos que ha de ser manexado ao interpretar as normas, pero non é o único"

O tribunal salienta tamén que a propia convocatoria das axudas contemplaba a posibilidade de corrixir as solicitudes e que a Administración requirise aos solicitantes esas emendas. Así que o TSXG considera que se a empresa non comunicase a contratación debía ser requirida pola Xunta para emendar ese feito en dez días, "o que neste caso nin sequera fixo falta, xa que a presentou motu propio ao día seguinte da solicitude e dentro do prazo da mesma". Isto é, se había a posibilidade de corrixir e solicitar a corrección dunha solicitude, que a empresa solicitante o fixese ao día seguinte de presentar a petición entraría dentro do requisito de que a comunicación das contratacións se realice "no momento da solicitude", xa que este non remataría ata superado o prazo de emenda.

O TSXG lembra que a xurisprudencia establece que "a letra da lei é un dos elementos que ha de ser manexado ao interpretar as normas, pero non é o único". Tamén lembra que, no que respecta ás axudas en xeral, quen solicita unha e reúna as condicións da convocatoria "ten dereito a obtelas nas condicións establecidas".

O TSXG vén emitindo nos últimos anos sentenzas que censuran os formalismos con que a Xunta está a xestionar diversas axudas ao emprego feminino

O TSXG vén emitindo nos últimos anos sentenzas que censuran os formalismos con que a Xunta está a xestionar diversas axudas ao emprego feminino, sexa mulleres asalariadas ou autónomas. En todos os casos o tribunal salientou que co outorgamento das axudas ás persoas ou empresas ás que a Xunta llas denegara realmente si se estaba a cumprir co obxectivo final de promoción do emprego.

Hai un ano o tribunal condenou a Consellería de Emprego e Igualdade por deixar sen axudas de 3.000 euros a dúas mulleres paradas que querían emprender no rural. As afectadas certificaran que os seus negocios eran viables dun xeito distinto a como pedía a Xunta, e posteriormente elas mesmas completaron a documentación, pero para daquela xa se esgotaran os cartos das axudas, que se entregaban ás solicitudes máis rápidas. O tribunal criticou que a Xunta debía revisar a documentación e ser ela mesma quen requirise a súa emenda, o que permitiría que as afectadas a corrixisen moito antes e non se esgotasen os cartos.

Feijóo nunha imaxe de arquivo anunciando axudas ao emprego autónomo e unha das varias sentenzas do TSXG censurando o proceder da Xunta na materia CC-BY-SA Praza Pública

Uns meses antes, noutra axuda dirixida á contratación de mulleres menores de 30 anos, a Xunta deixou a empresa contratante sen a subvención de 7.500 euros que lle correspondía por non xustificar á vez o contrato e a primeira nómina da persoa contratada. A empresa presentou a nómina un mes despois do contrato, a Consellería de Emprego considerou que era demasiado tarde e a xustiza retrucoulles que antes "non sería posible".

A mediados de 2022 outra sentenza do TSXG condenou o Goberno galego por denegar unha axuda a unha muller autónoma que xa tiña outra subvención "sen concederlle a facultade de optar pola que considerase máis acorde aos seus intereses".

En 2019 a Xunta chegou a retirar unha axuda de 5.000 euros a unha muller desempregada que se quería establecer como autónoma porque tiña unha débeda de 5,88 euros, "insignificante" segundo o TSXG, que a propia administración lle imposibilitaba pagar. O tribunal afeou que "unha vez máis un excesivo rigor formal por parte da Administración ven a poñer en cuestión a actividade de fomento [do emprego autónomo] que desde os poderes públicos tanto se pregoa".

En xeral, tanto a mulleres como a homes, o TSXG vén criticando desde hai anos a "arbitrariedade", "falta de transparencia" e "extremado rigor formalista" con que a Xunta xestiona as súa axudas ao emprego, chegando a dicir que actúa "sen outra finalidade que atopar unha xustificación para a denegación". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.