O alto tribunal galego cre que o parque Campo das Rosas, entre Campo Lameiro, A Estrada e Cerdedo-Cotobade, foi autorizado do mesmo xeito que o de Corme que anulou hai case dous anos, sentenza que o Supremo ten pendente revisar
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou suspender cautelarmente a execución do acordo da Xunta que outorgou a Naturgy Renovables as autorizacións administrativa e de construción do parque eólico Campo das Rosas, entre os concellos da Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo Cotobade. Esta nova medida cautelar engádese a outras similares ditadas nos últimos meses que tamén paralizaron outros parques eólicos para evitar posibles danos ao medio ambiente se cando o tribunal analice o fondo da cuestión conclúe que os permisos foron incorrectos.
A Xunta e empresas enerxéticas veñen criticando estas paralizacións cautelares, mentres que neste caso o tribunal avanza que o parque agora analizado foi tramitado do mesmo xeito que outro en Corme que xa anulou hai case dous anos.
Segundo o auto con data do pasado día 22 divulgado este martes polo TSXG, o tribunal acolle a solicitude de paralización cautelar formulada por Ecoloxistas en Acción baseándose de no concepto do fumus boni iuris ou aparencia de bo dereito, unha figura xurídica que se refire á aparencia ou probabilidade de que unha acción legal teña un fundamento xurídico válido.
Os maxistrados explican que, aínda que nesta fase do procedemento só poden manifestarse sobre a suspensión cautelar, non sobre o fondo do asunto, xa se pronunciaron noutras ocasións sobre a pretensión que presumen que se exporá na demanda, a existencia indebida de simultaneidade entre o requirimento dos informes sectoriais do parque e o trámite de información pública e o prazo deste. Esa coincidencia levou ao TSXG a anular hai case dous anos outro parque eólico en Corme no que a Xunta quixo acelerar a tramitación do mesmo xeito que en apariencia fixo co de Campo das Rosas.
O auto explica que en pronunciamentos anteriores como o de Corme o tribunal xa advertira sobre a prevalencia do dereito da Unión Europea e a incidencia que sobre o trámite de información pública teñen os prazos e a disposición efectiva previa -e non simultánea- dos informes sectoriais. Esas sentenzas anteriores, emitidas en xaneiro de 2022, foron recorridas ante o Tribunal Supremo, que deberá determinar se os informes sectoriais que se requiran para tramitar un procedemento de avaliación do impacto ambiental deben solicitarse antes de someterse o proxecto ao trámite de información pública ou, pola contra, se debe facerse de forma simultánea.
O auto agora feito público polo TSXG di que o feito de que o Supremo estea pendente de decidir sobre a cuestión é outro argumento para avalar a súa decisión de paralizar de xeito cautelar este outro parque.
O novo auto de paralización cautelar está apoiado por catro maxistrados mentres que unha quinta emitiu un voto particular
O auto agora emitido de paralización cautelar está apoiado por catro maxistrados, mentres que unha quinta emitiu un voto particular no que considera que á hora de decidir unha medida cautelar o tribunal non debera entrar a analizar a apariencia ou non de bo dereito da autorización recorrida, que só debe ser estudada co fondo da cuestión.