Obras locais, promesas de plans futuros e reproches a Sánchez no penúltimo Consello da Xunta antes do 12X

Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA Xunta de Galicia

Feijóo só apoiaría unha nacionalización temporal de Alcoa se é para volver privatizala pronto, unha vez resolto o problema enerxético

El mesmo admitiu que tiña présa, porque tiña que acudir a unha entrevista televisiva, o que non impediu que o presidente da Xunta debullase na rolda de prensa posterior ao penúltimo Consello da Xunta ordinario antes das eleccións toda unha serie de decisións fundamentalmente de carácter local ou de xestión ordinaria, seguidas de promesas de futuros plans económicos para Galicia e reproches ao Goberno central.

O Consello deste xoves, como o da semana pasada, foi abondoso en informes sen valor normativo, tipo de documento de carácter propagandístico que non supón a aprobación de ningunha decisión por parte do Goberno galego que se multiplicou durante os gobernos de Feijóo. Ata esta, nos 21 Consellos da Xunta celebrados en campañas electorais anteriores durante os mandatos de Feijóo, desde as xerais de 2011 ata as xerais de abril do pasado ano e as municipais de maio, o Goberno galego anunciara un total de 66 informes dese tipo. Este xoves non se chegou aos dez informes da reunión da semana anterior, cos que se igualou o récord que se establecera no Consello do 4 de maio de 2016, pero sumaron sete, ademais doutros cinco si preceptivos para dar conta ao Goberno galego de contratacións sanitarias de emerxencia polo coronavirus.

Feijóo tras o Consello da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

O consello deste xoves divulgou sete informes propagandísticos sen valor normativo

Entre os informes deste xoves, un “Informe sobre o Fondo de enerxía para autónomos e pemes e balance dos proxectos de enerxías renovables que están previstos convocar e que xa están resoltos” e outro “Informe sobre o Plan da Xunta de Galicia para a defensa da industria electrointensiva galega e o mantemento dos postos de traballo” que permitiron a Feijóo, lembrando medidas de apoio á mellora da eficiencia enerxética das empresas que xa están en marcha que asegura que ampliará, cargar contra o Goberno central por non ser quen de garantir os postos de traballo en Alcoa.

O presidente esixiu ao Goberno central un sistema que garanta enerxía barata a ese tipo de empresas electrointensivas e dixo que, se non é quen de conseguilo ata dentro dun par de anos, el apoiaría unha nacionalización temporal da empresa pero só para volver privatizala despois, unha vez resolto o problema enerxético.

Feijóo tamén publicitou outro “Informe sobre as novas medidas de financiamento recollidas no Plan de reactivación económica de Galicia” así como informes sobre emprego para a mocidade, axudas a centros de inclusión social ou restauración de ecosistemas marisqueiros e pesqueiros. Porén, ningunha das medidas pasadas ou futuras contidas neses informes supuxo ningunha decisión con valor legal por parte do Consello deste xoves.

A Xunta di descoñecer a que se dedica o solo industrial existente en Galicia e pertencente a outras administracións e canto hai dispoñible

Entre as medidas si adoptadas este xoves está a de remitir ao Consello Consultivo o texto dun futuro decreto para crear un censo de solo empresarial en Galicia. O presidente admitiu que a Xunta descoñece a que se dedica o solo industrial existente en Galicia e pertencente a outras administracións e canto hai dispoñible, o que lle permitiu cargar contra unha entidade estatal, Suelo Empresarial del Atlántico, á que acusou de non facilitar datos á Xunta. A entidade estivo presidida ata hai dous anos pola popular viguesa Lucía Molares, e agora conta coa socialista ferrolá Beatríz Sestayo como xerente. 

Xunto cos anuncios de plans futuros e reproches ao Goberno central, o Consello da Xunta deste xoves si adoptou varias decisións referidas fundamentalmente a infraestruturas de carácter local: a construción dun auditorio en Ribeira, a rehabilitación dun edificio en Salvaterra do Miño para Casa da Música, a mellora dunha estrada en Moaña e do saneamento en Abegondo e a creación dunha área de rexeneración urbana en Ribadavia.

Ademais, o Goberno galego aprobou este xoves medidas de xestión ordinaria como anticipar pagamentos a centros especiais de emprego, a renovación do seguro para as persoas participantes no programa deportivo Xogade, ou a renovación ou ampliación de convenios para formación de persoas cegas ou para a detección de riscos de asolagamento. Tamén aprobou un decreto para regular o procedemento administrativo de autorización da celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas que se desenvolvan en máis dun concello. 

Tras unha hora de rolda de prensa, o presidente da Xunta marchou á súa entrevista televisiva, seguida durante a tarde de catro mitins en Nigrán, Redondela, Cabados e Teo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.